A construción de ciclovías en Vilagarcía comeza o luns co tramo Carolinas-Piñeiriño

As obras desta fase suporán 371.000 euros, cun prazo de execución de oito meses
Xente paseando en bicicleta pola praza de Galicia, en Vilagarcía. DP
photo_camera Xente paseando en bicicleta pola praza de Galicia, en Vilagarcía. DP

O proxecto para dotar a Vilagarcía dunha completa infraestrutura viaria adicada ao tránsito ciclista comeza a desenvolverse o luns coa primeira fase das ciclovías. Neste primeiro paquete inclúense tres trazados, comezando as obras que unirán a zona das Carolinas coa do Piñeiriño, máis en concreto, pola Avenida Rodrigo de Mendoza. Completarase a actuación co itinerario entre esta avenida e a rúa San Roque e co de Doutor Tourón ao Cavadelo. Os traballos desta fase teñen un custe de 371.000 euros e un prazo de execución de oito meses.

A empresa adxudicataria, Marconsa, comezou este venres a sinalizar as zonas de estacionamento da avenida Rodrigo de Mendoza, que deberán quedar libres o luns para o inicio dos traballos. A supresión dos aparcamentos é provisional, mentres duren as obras, xa que a meirande parte das prazas recuperaranse ao remate das mesmas. De feito, no tramo comprendido entre a rotonda da Luz Salgada e a de A Laxe, manteranse todos os estacionamentos, e entre este punto e a Glorieta da Mariña Española, conservaranse os da marxe interior da vía, contando ademais coa existencia nesta zona das grandes bolsas de aparcamento público e gratuíto na parte frontal e traseira de Fexdega e do estacionamento disuasorio da Finca Douro.

O tipo de vía escollido para a ciclovía das Carolinas ao Piñeiriño é o de carril bici bidireccional segregado por ser o que mellor se adecúa ás necesidades e ao medio afectado.

Comentarios