Crónicas escolares desde Noalla

O Departamento de Dinamización Lingüística do Ceip O Telleiro impulsou a recuperación dunha publicación que xa se editou no centro educativo a finais do pasado século, na que se recollen fotos e información sobre o curso

Estudiantes del O Telleiro posando con ejemplares de la revista. GONZALO GARCÍA
photo_camera Estudantes do O Telleiro posando con exemplares da revista. GONZALO GARCÍA

CADA VEZ son máis os alumnos de diferentes centros escolares de Sanxenxo que descobren a súa vocación xornalística. Proba diso é a proliferación de revistas e xornais que impulsan as propias escolas. O último colexio en incorporarse a esta tendencia foi o CEIP O Telleiro, que se une así aos de Nantes ou A Florida, que tamén editan en plataforma dixital, modelo ao que se incorporará o CEIP Portonovo a partir do próximo curso 2018-2019.

A publicación fundada polos novos estudantes do colexio situado na Lanzada foi bautizada como O Cormorán, o que supón unha dobre chiscadela. Por unha banda, serve como homenaxe á emblemática figura, deseñada polo escultor sanxenxino Alfonso Vilar, do paxaro que "outea" o horizonte desde a roca máis alta da contorna da praia máis famosa de Noalla. Pero, ademais, serve para devolver á actualidade a un xornal escolar, co mesmo nome, que se editou durante varios anos, entre finais dos 80 e principios dos 90. Esta actividade foi impulsada polos responsables do Departamento de Dinamización Lingüística.

O primeiro número do Cormorán conta con 35 páxinas a cor, nas que se fai un extenso repaso ás diferentes actividades que os alumnos do CEIP O Telleiro levaron a cabo durante a recentemente finalizada tempada lectiva. Esta tirada inicial ha contado con 180 exemplares. Tal e como explican os docentes, "a nosa idea é que continúe medrando nos próximos anos". O obxectivo que se busca ao dar vida a esta publicación, que foi deseñada e maquetada polos propios profesores, é difundir entre as familias o abanico de iniciativas formativas e lúdicas que se realizan no colexio da parroquia sanxenxina, que conta con máis de 150 nenos matriculados.

A publicación conta con 35 páxinas e tivo unha tirada inicial de 180 exemplares, que podería aumentar no futuro

Coma se dunha revista ou xornal de tirada nacional tratásese, non faltan seccións de lecer, como os pasatempos. As imaxes tamén teñen a súa cota de protagonismo. Os impulsores do Cormorán seleccionaron decenas de instantáneas sobre as diferentes celebracións que se desenvolven durante o curso escolar, como son os festivais de Nadal, o Samaín ou o Entroido, entre outros.

METEOROLOXÍA. Nas páxinas centrais faise un repaso a un dos proxectos estrela do CEIP O Telleiro: os seus traballos en clave meteorolóxica. Deste xeito, faise balance dos datos recollidos pola estación instalada nas inmediacións do inmoble principal do centro educativo, que permite aos estudantes analizar os refachos de vento, a cantidade de precipitacións rexistrada ao longo dos últimos meses ou a oscilación das temperaturas.

Ademais, os novos xornalistas tampouco se esquecen do encontro que algúns dos alumnos mantiveron co actual ministro de Ciencia e Universidade, Pedro Duque, durante a celebración da Feira STEM, que tivo lugar en abril en Santiago de Compostela. "Resultou unha grata experiencia para os estudantes", recolle a crónica. Tamén se explican os traballos desenvolvidos na horta ecolóxica habilitada no recinto escolar, que tivo que ser rehabilitada tras o paso da manga mariña que tantos danos causou nas instalacións no principio do ano.

Comentarios