Simula sentir os síntomas do coronavirus ao ser cazado en Meaño facendo exercicio

A Garda Civil denunciouno e levouno ao seu domicilio tras localizalo nunha vía paralela á Autovía do Salnés

A Garda Civil denunciou unha persoa que estaba facendo exercicio físico en Meaño incumprindo a restrición de movemento establecida no real decreto polo que se declara o estado de alarma. Ademais para evitar ser denunciado finxiu atoparse mal, reproducindo os síntomas do coronavirus, o que levou os axentes a mobilizar medios sanitarios, segundo informa o instituto armado.

A actuación tivo lugar cando axentes do sector de tráfico da Garda Civil da Coruña que se atopaban na Autovía do Salnés á altura do municipio de Meaño observaron unha persoa facendo exercicio físico nunha vía paralela. Cando foron a identificalo alegou primeiro estar indocumentado e logo descoñecer a obriga do estado de alarma. "Pero ao ver que as súas versións non funcionaban, finxiu atoparse mal, reproducindo os síntomas do Covid-19".

Durante a espera dos servizos sanitarios, "e vendo que co seu teatro non evitaría ser denunciado, os supostos síntomas desapareceron repentinamente, polo que, sen asistencia sanitaria, o cidadán infractor foi escoltado ao seu domicilio polos axentes, onde foi denunciado e confinado".

Desde a Garda Civil recoméndase colaboración coas forzas e corpos de seguridade do Estado e coas autoridades sanitarias en cumprimento do real decreto do estado de alarma.