Denunciados 109 condutores por dar positivo en alcol ou drogas na Festa da Auga

A Garda Civil realizou un total de 3.015 probas e denunciou a vinte persoas menos que o ano pasado

Controles de drogas y alcoholemia realizado este viernes en Vilagarcía. GUARDIA CIVIL
photo_camera Controles de drogas y alcoholemia realizado este viernes en Vilagarcía. GUARDIA CIVIL

A Garda Civil de Tráfico denunciou un total de 109 persoas que foron sorprendidas conducindo baixo os efectos do alcol ou as drogas durante a Festa da Auga celebrada este venres en Vilagarcía.

Segundo informou o corpo armado este sábado nun comunicado, o dispositivo especial de seguridade viaria despregado con motivo da celebración realizou un total de 3.015 probas de alcol e drogas e denunciou a vinte persoas menos que o ano pasado.

Foron 2.970 probas de detección de alcoholemia as que realizou a Garda Civil e detectáronse 86 condutores que deron resultado positivo, dos que 77 foron denunciados por vía administrativa e os 11 restantes por vía xudicial ao superar a taxa establecida de 0,60 mg/l., en aire inspirado.

En canto ás probas de drogas, 45 foron os condutores que se someteron a elas, dos que 23 deron positivo, polo que foron denunciados por vía administrativa.

A Garda Civil recorda que o alcol multiplica por cinco o risco de accidente cando se conduce cunha taxa superior ao límite en vía administrativa, e por máis de cen cando se excede o límite penal de 1,2 gramos de alcol por litro de sangue.

Tamén, que conducir baixo os efectos de sustancias psicotrópicas aumenta o risco de accidente entre dous e sete veces. 

Comentarios