Denuncian o esgotamento das receitas manuais no ambulatorio de Baltar

A responsable de Somos En Marea Sanxenxo, Mary Camiña, alertou este venres da existencia dunha serie de problemas que están a padecer os usuarios deste PAC

A responsable de Somos En Marea Sanxenxo, Mary Camiña, denunciou este venres a existencia dunha serie de problemas que están a padecer os usuarios do Punto de Atención Continuada (PAC) de Baltar. A representante do colectivo sanxenxino afirma que a algúns pacientes "non lles facilitaron as correspondentes receitas por esgotarse".

Ao parecer, este feito afecta fundamentalmente a turistas doutras comunidades autonómas, posto que "ao non estar incluídos no Sistema Xeral Nacional de Sanidade teñen que facilitárselles as receitas manualmente. Ante a gran cantidade de desprazados que acudiron este verán ao centro, os profesionais quedaron sen elas, e hoxe (por este venres), a media mañá, despois de varias queixas, volveron a repoñelas", asegurou.

Ante esta situación, Camiña confirma que "temos previsto poñer estos novos casos en coñecemento do Grupo Parlamentario En Marea para que leve a cabo as accións que considere pertinentes". Ademais, ‘Somos’ clama contra a situación que se está vivindo, de forma xeral, na área sanitaria Pontevedra-O Salnés. Mary Camiña anima a todos aqueles pacientes que sufran algún problema "a presentar unha reclamación oficial, posto que é a única maneira de que quede constancia da problemática de forma oficial".

Esta polémica súmase ás queixas sobre o servizo que presta o ambulatorio local.

Comentarios