A Deputación inviste 770.000 euros na mellora da estrada entre Baión e András

O proxecto de mellora da mobilidade peonil na EP-9701 consiste nunha intervención para mellorar un treito de 560 metros que porá fin aos problemas de seguridade viaria

Luis Lopez informa en conferencia de prensa dos asuntos que se aprobaron en Xunta de Goberno. DAVID FREIRE
photo_camera Luis Lopez informa en conferencia de prensa dos asuntos que se aprobaron en Xunta de Goberno. DAVID FREIRE

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, destacou o investimento de 770.000 euros do goberno provincial e a súa colaboración co Concello de Vilanova de Arousa para poñer en marcha o proxecto de mellora da mobilidade peonil e da seguridade viaria entre as localidades de Baión e András. "Unha intervención que supón un avance na mobilidade segura e sustentable, un paso adiante na transformación da provincia para dotala de infraestruturas modernas e saldar unha débeda histórica da Deputación coa veciñanza de Vilanova de Arousa", afirmou Luis López no acto de presentación deste proxecto, que tivo lugar este martes na Casa de Cultura de Baión, e que contou coa presenza do rexedor Gonzalo Durán, así como dos deputados provinciais Isabel Couselo, responsable de Infraestruturas e Mobilidade; e de Javier Tourís, concelleiro de Vilanova e responsable provincial de acción comunitaria e equipamentos públicos.

O proxecto de mellora da mobilidade peonil na EP-9701 entre Baión e András consiste nunha intervención para mellorar un treito de 560 metros que porá fin aos problemas de seguridade viaria nunha estrada na que comparten espazo o denso tráfico rodado co movemento de persoas. Unhas deficiencias que se arranxarán coa construción dunha senda peonil e a mellora do pavimento e dos demais servizos. A obra dispón dun orzamento de 960.000 euros, dos que a Deputación achega o 80%, uns 770.000 euros.

Neste sentido, o presidente da Deputación argumentou que a execución desta obra supón unha nova mostra do "municipalismo" que rexe a acción do goberno provincial. Un xeito de entender o servizo público consistente en "escoitar aos alcaldes e alcaldesas, que son os que mellor coñecen as necesidades dos concellos ; e poñer os recursos e ferramentas precisas para atender esas peticións", dixo.

Comentarios