Detido en Vilagarcía por beber cervexa mentres conducía un coche roubado sen carné

Na fin de semana rexistráronse cinco accidentes de tráfico na vila arousana, nun dos cales un ciclista resultou ferido de gravidade
Avenida das Carolinas, en Vilagarcía. GSV
photo_camera Avenida das Carolinas, en Vilagarcía. GSV

A Policía Local de Vilagarcía rexistrou a fin de semana un total de cinco accidentes de tráfico, un deles cun ciclista ferido de gravidade tras colisionar cun vehículo, e procedeu á detención dun home que pilotaba un coche roubado baixo os efectos do alcohol e sen dispor de permiso de conducir. Ademais, nun control preventivo, tamén denunciou por desacato a un condutor que insultou aos axentes tras terlle parado para realizar un test de alcoholemia.

A detención de F.F.L., veciño de Forcarei de 46 anos, foi consecuencia dunha serie de irregula ridades descubertas cando unha patrulla lle dou o alto tras velo bebendo unha cervexa mentres conducía un vehículo pola avenida das Carolinas. Para garantir a súa seguridade e a dos demais condutores e viandantes, tras a reticencia inicial, o individuo accedeu a realizar o test de alcoholemia, dando unha taxa de 0,60%, superior ao límite permitido, pero dentro do que aínda se considera infracción administrativa.

Cando os axentes lle pediron as chaves para retirar o coche da vía, o home dixo que non as tiña e, preguntado como o arrancara, recoñeceu que o fixo facendo unha ponte. A confesión fixo que os policías introducisen a matrícula na base de datos policiais, confirmando as súas sospeitas de que se trataba dun vehículo subtraído.

Por si fora pouco, ao cotexar os datos do individuo, tamén comprobaron que carecía de permiso de conducir, sumando un apartado máis á lista de irregularidades das que dar parte ás autoridades xudiciais.