Detido un matrimonio por roubar paquetes na oficina de Correos de Sanxenxo

Trátase dunha parella cun amplo historial delituoso

Correos. ADP
photo_camera Correos. ADP

A Garda Civil detivo a un matrimonio de Vilalonga, en Sanxenxo, que ten un amplo historial delituoso, por roubar nove paquetes pendentes de entrega que estaban no interior da oficina de Correos da localidade.

Segundo informou o instituto armado, as investigacións comezaron tras a denuncia presentada polo responsable da oficina tras detectar a desaparición dos paquetes.

Os axentes comprobaron que a porta traseira das dependencias fora forzada e que dito acceso só era posible a través do patio interior dun edificio anexo.

Esta circunstancia fixo sospeitar á Garda Civil deste matrimonio, coñecido polas autoridades polos seus antecedentes por delitos contra o patrimonio e que foi detido ao día seguinte.

Tras prestar declaración no xulgado de instrución de garda de Cambados, os dous detidos quedaron en liberdade provisional con cargos.

A Garda Civil mantén aberta a investigación para pescudar cal foi o destino dos paquetes roubados.