A Deputación e o turismo de Sanxenxo camiñan da man

Silva que mantivo unha reunión "moi cordial" co Consorcio de Empresas Turísticas para traballar nun modelo por un turismo sostible

Carmela Silva. JAVIER CERVERA - MERCADILLO
photo_camera Carmela Silva. JAVIER CERVERA - MERCADILLO

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, mantivo este xoves unha reunión coa directiva do Consorcio de Empresas Turísticas de Sanxenxo (CETS) na que sentaron as bases dunha "relación sólida" a favor dun modelo turístico "de calidade, sostible, intelixente e xerador de riqueza", tal e como resumiu a máxima responsable da administración provincial.

Carmela Silva, que dixo estar "encantada" desta reunión "moi cordial", sinalou que ambas as partes coinciden "plenamente" na súa visión do modelo de traballo para este sector. 

Na mesma liña expresouse o presidente do CETS, Alfonso Martínez, que mostrou a súa "satisfacción" co resultado do encontro, que ve "o comezo dunha relación que vai ser moi frutífera para as dúas partes". 

"Apostamos e coincidimos nun modelo que traballe por un turismo sostible, pola dixitalización e por presentar proxectos comúns aos fondos europeos", manifestou Silva, que ve "prioritario" establecer nexos entre institucións públicas e privadas. 

Ademais, engadiu Silva, vaise a establecer unha "relación directa" para que nas decisións vinculadas ao turismo e ás infraestruturas "consultemos ao sector privado, de maneira que as accións sexan adecuadas coas necesidades que expoñan ".

A presidenta avogou por facer "ao sector turístico copartícipe das políticas públicas da Deputación para construír así pobos amables e sostibles".

70% DE RESERVAS NO VERÁN EN SANXENXO. As previsións de reservas do CETS para agosto sitúanse no 70%, e a propia presidenta sinalou que seguramente a porcentaxe "vai ser máis alto".

"Somos moi optimistas e estamos convencidos de que vai ser un bo verán", remarcou Afonso Martínez. 

Comentarios