O dono do Racing Dakart Sanxenxo ve "inxusta" a sentenza tras un accidente

O TSXG estableceu que a firma e outras entidades deben indemnizar con 706.491 un traballador da empresa que sufriu un sinistro con graves secuelas cando participaba como "voluntario" na organización dunha carreira de motos

Instalaciones del Racing Dakart Sanxenxo. DP
photo_camera Instalacións do Racing Dakart Sanxenxo. DP

O propietario do circuíto Racing Dakart Sanxenxo, a empresa París Dakart Karting, ve "inexplicable" e "inxusta" a sentencia emitida hai uns días polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) por mor dun accidente rexistrado en 2009 nunha proba oficial de scooters.

No fallo, a Sala de Social establece que a firma, a Asociación Moto Club París Dakart, a Federación Galega de Motociclismo e AIG Europe Limited deben pagar unha indemnización de 706.419 euros a un traballador da firma que participaba na organización do 28º Campionato Galego de Scooters e que como sufriu graves secuelas nun sinistro ocorrido nos adestramentos previos que o obrigaron a depender dunha cadeira de rodas. A esa cifra hai que sumar 130.000 euros para gastos dos coidados por parte da nai. 

Coñecida a resolución, que eleva a cantidade que establecera en primeira instancia un xulgado de Pontevedra —365.108 euros—, París Dakart Karting asegura nun comunicado que é "moi inxusto que un accidente alleo á empresa lle custe case medio millón de euros". Considera que, ao tratarse dun sinistro ocorrido nunha competición, debería ser o seguro de accidentes que cubría a carreira —"organizada polo motoclub ao amparo da Federación Galega de Motociclismo"— o que fixese fronte aos danos rexistrados nela. 

A empresa, que subliña que o afectado facía ese día "labores de bandeira como voluntario na proba", computa no seu cálculo do importe a afrontar o que debe abonar en concepto de indemnización e 166.000 euros pagados á Seguridade Social e en nóminas do traballador ata que obtivo a baixa permanente, ademais de gastos "implícitos á súa defensa".

A firma entende que debería corresponder ao seguro da proba facer fronte aos danos rexistrados na competición

París Dakart Kartingasegura que o circuíto de Sanxenxo "podería verse abocado ao peche" ao ter que afrontar "un pago tan elevado". Defende que nos seus 30 anos desenvolvéronse máis de 70 campionatos oficiais, e que "as medidas de seguridade eran extremas e sempre se facían ao amparo da federación e con todos os seguros en regra".

A empresa asegura que o feito de que teña que asumir unha parte da indemnización "só se entende por un erro administrativo". Segundo explica, o día despois do accidente a súa asesoría deu de baixa o afectado por accidente laboral "en lugar de por outras causas". "A pesar de corrixir o erro dous días despois, este non foi validado a pesar de que o accidentado tiña un contrato como mecánico de París Dakart Karting e que no momento do accidente non se atopaba prestando eses servizos", di.

O sinistro produciuse en setembro de 2009, cando un dos pilotos que participaba nos adestramentos libres perdeu o control á saída dunha curva, caeu ao chan coa moto e arrastrouse ata alcanzar as proteccións plásticas da zona de acceso, detrás das cales se atopaban o comisario técnico da carreira e o demandante, cuxa función era a de mover esas barreiras para dar acceso ás motos á pista ou, desde ela, aos boxes. 

Debido ao golpe da moto, as proteccións caeron sobre o demandante, que tiña 38 anos, e o comisario técnico e ocasionáronlles lesións. O afectado, que foi declarado en situación de grande invalidez, sofre graves secuelas.

Comentarios