Durán, respecto da situación en Vilanova: "Os contaxios son todos en familias"

Coa cepa británica "se hai unha reunión de cinco, seis ou sete persoas e antes contaxiábanse dúas agora caen todos"
Cribado en Vilanova, en la mañana del miércoles. SERGAS
photo_camera Cribado en Vilanova, na mañá do mércores. SERGAS

"Como a televisión di que a cousa vai mellorando, a xente reláxase, fanse comidas en familias, en sitios pechados, sen máscara... Como en Nadal". Esta é, en palabras do alcalde de Vilanova de Arousa, Gonzalo Durán, a razón que subxace tras a escalada de contaxios neste municipio, onde o mércores se iniciou un cribado que continuará este xoves e o venres. 

Durán explicou nunha mensaxe difundida a través da páxina de Facebook do Concello que a franxa de idade seleccionada para someterse a unha PCR convencional é de 50 a 64 anos porque esa é a idade da maioría de contaxiados neste momento no municipio "e a incidencia non baixa". Están convocadas 1.734 persoas para tratar de detectar "casos ocultos". O rexedor insiste en que non hai ningún brote vinculado nin "a bares nin a colexios" senón que todos son familiares, pois coa cepa británica "se hai unha reunión de cinco, seis ou sete persoas e antes contaxiábanse dúas agora caen todos", polo que "unha ou dúas familias" afectadas son suficientes para elevar a cifra de casos activos, agora en 39, que se resiste a descender definitivamente.

Desta forma, pide "precaución" á poboación porque "xa se ve a luz ao final do túnel, pero estes dous ou tres meses son moi perigosos". Por iso confía en que avance o proceso de vacinación que permitiría frear as taxas de hospitalización e mortalidade. "A ver se podemos ter un verán tranquilo". 

Comentarios