Envorca en Meis un camión que transportaba madeira e verte combustible

O condutor resultou ileso
Accidente en Meis. PABLO TOUZA
photo_camera Accidente en Meis. PABLO TOUZA

Un tráiler envorcou este mércores pola tarde no municipio pontevedrés de Meis, á altura do punto quilométrico 12 da PO-531. Debido ao impacto, o camión, que transportaba madeira, perdeu combustible sobre a calzada. O condutor do camión resultou ileso.

Os feitos sucederon preto das cinco da tarde deste mércores. Un particular avisou ao 112 e explicou que non vía saír ao condutor do interior do camión.

Desde a central de Urxencias mobilizaron ao 061, aos Bombeiros de Ribadumia, á Garda Civil de Tráfico, á Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Meis e ao servizo de mantemento da estrada.

Cando chegaron ao lugar do accidente, os axentes da Garda Civil de Tráfico informaron de que o condutor non estaba atrapado. Efectivos de conservación de estradas levaron a cabo tarefas de limpeza na vía, co fin de restablecer as condicións de seguridade.

Comentarios