Os estudantes sanxenxinos reclaman un lugar para o estudo

O municipio dispón actualmente de tres bibliotecas en Sanxenxo, Portonovo e Vilalonga en horario partido de mañá e tarde
A biblioteca de Vilalonga conta con tres mesas que os estudantes utilizan para o estudo. RAFA FARIÑA
photo_camera A biblioteca de Vilalonga conta con tres mesas que os estudantes utilizan para o estudo. RAFA FARIÑA

En Sanxenxo non hai universidade, pero si universitarios e universitarias. Son estudantes do municipio que están a facer a carreira en Pontevedra ou en Santiago de Compostela, e que volven á casa cada fin de semana ou en periodos sen clases entre cuatrimestres, e que precisan "un lugar axeitado para poder preparar os exames", segundo explica Laura Cortés, de 21 anos, e estudante de cuarto curso de Xornalismo na Universidade de Santiago de Compostela (USC). "Os horarios non dan para toda a xente. As dúas bibliotecas de Sanxenxo e Portonovo abren só pola mañá en Nadal pechan cedo pola tarde o resto do ano. A de Vilalonga abre únicamente pola tarde e ten un espazo moi reducido no que convivimos nenos e estudantes. A ludoteca utiliza o mesmo espazo que o que nós utilizamos como sala de estudo, porque ningún dos dous coletivos ten outro lugar. O servizo é bastante precario", explica.

A principal biblioteca de Sanxenxo está ubicada no edificio Emilia Pardo Bazán. RAFA FARIÑA
A principal biblioteca de Sanxenxo está ubicada no edificio Emilia Pardo Bazán. RAFA FARIÑA
 

Ao igual que Laura, os sanxenxinos Adrián González, de 22 anos e estudante de cuarto curso de Relacións Laborais na USC e Lidia Dadín, de 20 anos e estudante de terceiro curso do grao en Mestre de Educación Primaria, tamén na USC, viven a mesma situación. Adrián González é usuario da biblioteca Emilia Pardo Bazán de Sanxenxo dende que comezou a carreira, e frecuéntaa todos os días en época de exames, sobre todo a finais de decembro e principios de xaneiro, ata que volve á universidade. "Pola mañá non me disgusta tanto o horario de apertura. O problema é pola tarde, que só abre de 16.00 a 21.00 horas a de Vilalonga. Trátase dunha biblioteca moi pequena, con dúas mesas grandes con capacidade para unhas oito persoas e unha pequena para catro", di. "Hai veces que vai pouca xente, porque saben que hai pouco sitio e directamente non van. Ata hai unha semana eramos 12, pero este martes chegaron tres persoas e tiveron que marchar", asegura.

Para Lidia Dadín, a alternativa de estudar pola tarde na biblioteca de Vilalonga tampouco é unha opción. "O ambiente de estudo é moi desfavorable por ser un espazo moi reducido que se enche na primeira media hora dende a sua apertura, e onde os estudantes non teñen sitio para poder poñer as súas cousas. Polo tanto, aínda que eu sexa unha persoa que rende moito máis nunha biblioteca que na miña casa, prefiro quedar nela que desprazarme para non poder concentrarme tampouco na biblioteca", conta.

INCOMPATIBILIDADE. O servizo de bibliotecas do concello de Sanxenxo ampliou o seu horario para a época de Nadal este ano, e pasou a abrir de luns a venres de 8.30 a 14.30 horas en Sanxenxo e Portonovo, unha hora máis con respecto ao pasado Nadal. En Vilalonga, o horario mantívose só de tarde, de 16.00 a 21.00 horas. O resto do ano, as bibliotecas de Sanxenxo e Portonovo abren tamén de 16.00 a 19.30 horas, mais este é un horario que o estudantado sanxenxino considera "insuficiente". "Eu mesma teño que ir a Pontevedra a estudar a Ciencias Sociais, porque non me queda outra opción se quero aproveitar ben o día", explica Laura Cortés en referencia ao horario. "É moi reducido, sobre todo polas tardes", di. "Eu na casa non podo estudar. Entón teño que pagar a gasolina ata Pontevedra, pasar o dia alí, levar tupper ou comer alí se non teño tempo. É un gasto", engade.

Para Adrián González a situación complícase máis as fins de semana. "Das tres bibliotecas que hai en Sanxenxo non abre ningunha, nin sequera o sábado pola mañá", conta. Deste xeito, cando os estudantes van pasar a fin de semana á casa e precisan estudar para o luns, de novo a alternativa é desprazarse a Pontevedra. "Vivo a 35 minutos de Pontevedra e as fins de semana vai tamén moita xente dos arredores. Temos que ter o sitio gardado", asegura.

OPOSITORES. Os sanxenxinos e sanxenxinas que preparan as oposicións tampouco se benefician do actual horario da rede de bibliotecas. É o caso de Silvia Morgade, opositora de Educación Primaria, de 22 anos. "Eu agora xa non vou á biblioteca porque o horario non me favorece. Ao pechar tan pronto e abrir tan tarde perdo horas. Se houbera un horario máis amplo si que iría". Silvia opta por estudar na casa pero, asegura, "non me concentro tanto como na biblioteca, xa que alí non teño distraccións. E, en certa medida, eu teño a posibilidade de estudar na casa, pero hai xente que non a ten ou que directamente non se pode desprazar a Vilalonga pola tarde". Como opositora, precisa un lugar que lle de servizo tamén nas fins de semana. "Vexo normal que non abra o resto do ano, pero non en época de exames", di.

A biblioteca. "Non é unha aula para estudar"
O goberno local responde que o que hai no concello neste momento son só bibliotecas, "non aulas de estudo".

Con respecto ás demandas dos estudantes, dende o concello explícase que se crearán "novos equipamentos pronto", que incluirán "aula de estudo, que é o que se está a reclamar".

Para o goberno local, os horarios son "similares aos que teñen as bibliotecas noutros concellos". "Somos conscientes de que hai xente que os considera insuficientes, pero Sanxenxo ten tres bibliotecas para 17.000 habitantes: Sanxenxo, Portonovo e Vilalonga. É unha oferta ampla".

Propostas
Os estudantes e usuarios e usuarias da rede de bibliotecas de Sanxenxo propoñen unha ampliación dos servizos a todos os niveis, en accións que pasan por dotar ao servizo de máis persoal, un cambio de horarios e unha reacondicionación do espazo dispoñible.

Para Laura Cortés, o ideal sería "contratar a unha persoa máis na biblioteca de Sanxenxo, para que poida ter un horario amplo. En datas como Nadal ou os periodos de exames os estudantes vimos á casa e non temos a onde ir", di.

Adrián González pide que "abran a biblioteca de Sanxenxo durante a fin de semana" e un horario máis amplo polas tardes. Para Lidia Dadín é necesario "un lugar a onde poder ir todos os días nunha ampla franxa horaria". "Non dispoñer deste lugar provoca que moitas veces me acabe indo antes de tempo para Santiago, incluso antes de comezar os exames, por carecer dun lugar axeitado no concello de Sanxenxo para poder estudar. Do mesmo xeito, dende que rematan as clases na facultade en maio ata que finalizan os exames, teño que quedar alí pola incompatibilidade do meu horario de estudo co das bibliotecas de Sanxenxo. Non se poden comparar as sete horas en xornada partida que ofrecen nesta época ás 24 horas que podo estudar na de Santiago", explica.

Outras melloras
Máis espazo para o estudo nas bibliotecas de Vilalonga e Portonovo e a mellora da rede wifi en Emilia Pardo Bazán son outras das propostas dos estudantes. Segundo Laura Cortés, "a rede wifi vai moi lenta, e hoxe en día é necesaria para estudar".

Comentarios