Un estudo con esqueletos na Lanzada revela restos de contaminación da época romana

"A minería e a metalurxia masivas deses séculos reflíctense á perfección nos ósos das persoas", apunta a directora do traballo
Uno de los esqueletos hallados en 2016 en la necrópolis de A Lanzada. DP
photo_camera Olalla López Costas (centro), xunto a Noemí Álvarez e Antonio Martínez Cortizas, investigadores do grupo EcoPast da USC. SANTI ALVITE

Un estudo con esqueletos realizado por investigadores da Universidade de Santiago de Compostela (USC) en colaboración con centros de toda Europa revelou que a actividade mineira e metalúrxica da época romana xa causaba no seu momento contaminación ambiental que afectaba á vida das persoas.

Así o mostran, segundo recolle este traballo de investigación, os esqueletos enterrados na necrópole da Lanzada, onde se achan restos humanos por un período continuo de 700 anos, e que presentan diferentes niveis de metais nos corpos en función da súa antigüidade.

Nun comunicado, a directora do estudo, Olalla López Costas, expón que "a minería e a metalurxia masivas deses séculos reflíctense á perfección nos ósos das persoas que viviron nese ambiente contaminado", xa que arroxan niveis de chumbo e mercurio moi superiores aos procedentes da Idade Media.

Durante o período romano -engaden desde a USC- deuse un "clímax da contaminación atmosférica" procedente da intensidade destas actividades no noroeste peninsular, o cal demostra que estes efectos no medio ambiente "levan afectando á vida das persoas durante máis de 2000 anos".

O estudo, dirixido por López Costas e no que participaron os investigadores do grupo EcoPast Noemí Álvarez Fernández e Antonio Martínez Cortizas, foi publicado na revista Science of the Total Environment. 

Comentarios