Falece Xaquín Álvarez Corbacho, o exalcalde comunista do Grove

Doutor en Ciencias Económicas, foi conselleiro no Consello de Contas de Galicia
Xaquín Álvarez Corbacho. aEP
photo_camera Xaquín Álvarez Corbacho. AEP

Con 79 anos faleceu este mércores Xaquín Álvarez Corbacho, que ostentou o bastón de mando do Concello do Grove tras as primeiras eleccións municipais, celebradas en 1979, e permaneceu no cargo durante dous, antes de abandonalo por motivos persoais. O seu corpo será trasladado este xoves desde o tanatorio ata o cemiterio.

Accedeu ao poder encabezando a candidatura do Partido Comunista. Doutor en Ciencias Económicas pola Universidade de Santiago de Compostela, foi conselleiro no Consello de Contas de Galicia e estudou en profundidade, e divulgou temáticas relacionadas co federalismo fiscal as facendas territoriais, a economía na educación ou os efectos económicos das infraestruturas e os transportes.

Foi tamén futbolista e vestiu as camisetas do Celta e do Racing de Santander. Da súa etapa celeste comentou nalgunha ocasión a sorpresa que lle provocou cando foi chamado do conxunto xuvenil para enrolarse no primeiro equipo, que entón acababa de descender a Segunda División, que cualificou de durísima "".

A súa última intervención pública en Vilagarcía tivo lugar no ano 2013, durante a presentación do libro A cidade de Arousa, escrito polo xornalista Manuel Vilaronga García.

A vicepresidenta terceira do Goberno e Ministra de Traballo e Economía Social, Yolanda Díaz, expresou o seu pésame polo falecemento a través da súa conta de Twitter. "Corbacho era unha autoridade en economía pública e municipalismo (...) Xa botamos de menos a súa amizade, o seu fondo e humano compromiso", escribiu.

O Concello, decretou un día de loito oficial. "Neste día triste o Concello do Grove quere agradecer e recoñecer a traxectoria e o labor de Xaquín Álvarez Corbacho como político, investigador, profesor universitario e veciño que destacou en todas as actividades que desenvolveu ao longo da súa vida", figura na páxina web da Administración local.

CC OO tamén fixo públicas as súas condolencias por quen cualificou como "un colaborador" activo con este sindicato.

Comentarios