Ferido con queimaduras en Sanxenxo ao incendiarse un computador

A vítima presentaba síntomas de intoxicación por fume 
Bomberos de Sanxenxo. @SLXE_Sanxenxo
photo_camera Bombeiros de Sanxenxo. @SLXE_Sanxenxo

Unha persoa tivo que ser evacuada polos servizos sanitarios ao resultar ferida con queimaduras e presentar síntomas de intoxicación por fume nun incendio ocorrido na súa vivenda, en Sanxenxo. De acordo con información do 112, o lume produciuse na rúa Profesor Hermida, en Padriñán, e calcinou unicamente un computador e un moble. 

Foi unha persoa particular quen, sobre as 21.20 horas da noite do sábado, alertaba á central de urxencias de que saía fume por unha fiestra dunha vivenda dun edificio, pero que non sabía que ardía. 

Ademais do GES de Sanxenxo, ata o lugar tamén se desprazaron os axentes da Policía Local e o persoal sanitario, que trasladou ao ferido ao centro hospitalario de referencia. 

CAÍDA DUN MENOR. Doutra banda, un neno de sete anos resultou ferido moi grave tras precipitarse a un patio de luces desde un terceiro piso na madrugada deste domingo en Sanxenxo. Foi trasladado consciente ao Hospital Clínico de Santiago. 

Segundo informan os servizos municipais de urxencias, o suceso ocorreu ao redor das 5.00 horas deste domingo na rúa Luís Vidal Rocha. Fontes do 112 Galicia indican a Europa Press que polo menos dous particulares, entre eles a nai do menor, puxéronse en contacto coa central de urxencias para solicitar asistencia sanitaria. 

Así, ata o lugar desprazáronse a Policía Local, o Servizo Local de Emerxencias de Sanxenxo e Urxencias Sanitarias de Galicia-061, que mobilizou ata o punto unha ambulancia medicalizada. Foi este vehículo o que se encargou de trasladar ata o Clínico de Santiago ao neno, quen se atopaba en estado grave pero consciente, tal e como puantualiza o 112.