A Florida recorda ao seu conserxe

A comunidade escolar celebrou este venres unha homenaxe en memoria de Vicente Bouzada, falecido o pasado verán

Se o infortunio non se cruzase no seu camiño en forma dun inesperado infarto, Vicente Bouzada Neira gozaría hoxe en día dunha máis que merecida xubilación, logo de exercer como conserxe do CEIP A Florida durante máis de dúas décadas. Con todo, o ex-traballador municipal atopou a morte o pasado 5 de agosto, mentres gozaba dunha xornada estival na Carabuxeira, apenas un par de meses logo de iniciar o seu retiro.

Este venres, alumnos, pais e profesores renderon unha sentida homenaxe a Vicente plantando un carballo no patio exterior do centro. Un grupo de estudantes de Educación Infantil e Primaria foron os encargados de axudar a unha mestra e ao director, Pedro Padín Solla, a enterrar a árbore, que servirá para recordar o paso de Bouzada Neira polo centro educativo de Padriñán. Ademais, Ana e Martín, de 5º de Primaria, leron un emotivo escrito, que foi elaborado polo profesor Antonio Tovar. A pegada que deixou o ex-conserxe na escola sanxenxina é moi marcada, xa que a súa predisposición a axudar a alumnos e profesores era moi valorada por todos. Tal e como recordaba a nai dun dos estudantes do CEIP A Florida, "Vicente tratou con varias xeracións de alumnos e portouse estupendamente con todos".

A decisión de homenaxear a Bouzada tomouse apenas uns días logo do seu repentino falecemento. Precisamente, a comunidade escolar brindara ao seu antigo compañeiro unha gran comida de despedida á conclusión do curso lectivo 2017-2018. En canto á elección da especie prantada no patio, optouse por unha autóctona, logo de consultalo coa súa familia, tal e como explicou a dirección.

Comentarios