Fomento estudará a parada do Ave en Vilagarcía de Arousa

O PP local cualifica de "decepcionante" o compromiso do ministro Ábalos

Estación de Vilagarcía. ARCHIVO
photo_camera Estación de Vilagarcía. ARQUIVO

O alcalde de Vilagarcía de Arousa, Alberto Varela, reuniuse co Ministro de Fomento, José Luis Ábalos, para reforzar a demanda de que o Ave a Madrid inclúa a parada na localidade. Segundo dixo o rexedor, "o obxectivo do encontro era que Ábalos coñecese directamente e polo miúdo os argumentos que avalan a conveniencia da escala en Vilagarcía".

Desde o goberno local considera que "o ministro entendeu a importancia que a medida ten para as comunicacións e desenvolvemento do Salnés e municipios do Ulla-Umia", e que "traballa neste momento na definición dos itinerarios e horarios do tren de alta velocidade, para o cal se terá en conta a demanda vilagarciá".

Aínda que haberá que esperar a que finalicen os estudos técnicos para coñecer a proposta final de itinerarios da Ave, Varela mostrou a súa satisfacción "dado o coñecemento da situación mostrada por José Luis Ábalos, polo interese co que acolleu a demanda de Vilagarcía e polo compromiso obtido de que se estudará establecer a escala nalgún dos horarios". Con todo, o PP local cualifica de "decepcionante" o compromiso do ministro Ábalos para a parada do Ave en Vilagarcía de Arousa.

"O PP de Vilagarcía esperaba moito máis da viaxe do alcalde a Madrid para a súa reunión co ministro Ábalos", dixo a portavoz popular, Elena Suárez. 

Comentarios