A Fundación contra o Narcotráfico alerta do aumento de adiccións "sen sustancia"

A colectivo alerta nun acto en Ribadumia de que "traficantes de medio mundo seguen tendo Galicia na súa diana"

Suelta de globos en la campaña Panos Brancos contra a Droga, este miércoles en Ribadumia. CONCELLO DE RIBADUMIA
photo_camera Solta de globos na campaña Panos Brancos contra a Droga, este mércores en Ribadumia. CONCELLO DE RIBADUMIA

A Fundación Galega contra o Narcotráfico celebrou este mércores en Ribadumia un acto da campaña Panos Brancos contra a Droga, no que alertou do aumento das "adiccións sen sustancia" como a do xogo online, especialmente no caso dos menores e novos, e reclamou aos novos gobernos "accións concretas" de prevención. 

Con motivo do Día Internacional contra o Consumo Indebido e o Tráfico Ilícito de Drogas, os integrantes da fundación participaron nunha solta simbólica de globos brancos nun acto no que participou tamén o alcalde de Ribadumia, David Castro. A continuación, leron un manifesto no que recordaron que en Galicia se viven "malos tempos" e que o problema coas drogas "é máis que evidente". 

Entre outras cuestións, os participantes no acto alertaron de que "en moitos ámbitos asúmese como normal a inxesta de alcol e outras drogas como sinónimo de diversión". "E nada máis lonxe da realidade", explicaron, recordando que o "culto ao alcol" e a outras sustancias "comporta graves danos para a saúde das persoas". Por outra banda, denunciaron "o incremento das adiccións sen sustancia entre menores e mocidade", como é o caso do xogo online

Aproveitando a xornada, reclamaron que se fomenten vías de lecer saudables e esixiron aos gobernos que se poñan a traballar de inmediato con programas e accións concretas, con políticas decididas de prevención e educación".

REDES DE NARCOTRÁFICO. Integrantes do colectivo explicaron tamén que en Galicia "seguen confluíndo" os problemas de adicción ás drogas coa existencia de importantes "redes criminais dedicadas ao narcotráfico". "No actual escenario de sobreprodución mundial, traficantes de medio mundo seguen tendo Galicia na súa diana e miles de quilos seguen entrando polas nosas costas cara a Europa", destacan. 

Fronte a isto, o rexeitamento social é "un factor de suma importancia", no que Galicia "comeza a ser un referente". "Atrás quedan os tempos nos que o narcotráfico contaminaba a toda a sociedade. Nesta terra sabemos desde hai moito tempo que os narcotraficantes non son heroes nin filántropos, se non delincuentes", recolle o manifesto. 

Finalmente, a fundación mostra a súa preocupación pola "reiteración no delito" de moitos traficantes, "que unha e outra vez entran e saen do cárcere aproveitando facilidades legais para seguir traficando con drogras", un "grave perigo" para a sociedade que non "debe nin pode permitirse".

Comentarios