A Garda Civil descobre unha festa ilegal a bordo dun veleiro na Illa de Arousa

Asegura que había máis persoas na embarcación do permitido e que todas elas estaban sen máscara e sen respectar a distancia de seguridade
Velero en el que se celebró la fiesta. GUARDIA CIVIL
photo_camera Veleiro no que se celebrou a festa. GARDA CIVIL

A Garda Civil desaloxou o pasado domingo unha vintena de persoas que celebraban unha festa a bordo dun veleiro fondeado na costa á altura da Illa de Arousa, por non levar máscaras e non respectar as distancias sociais recomendadas para evitar a propagación do coronavirus.

O instituto armado mobilizouse a última hora da tarde por mor dun aviso. Foi sobre as 20.50 horas cando a patrulleira do servizo marítimo da Garda Civil localizou o veleiro fondeado preto dunha praia e observou que na cuberta había unha "importante aglomeración de xente sen respectar a distancia mínima de seguridade, consumindo bebidas alcohólicas e sen facer uso das máscaras".

Segundo os seus datos, o veleiro fora alugado por un veciño de Vilanova de Arousa que, a pesar de que se facía pasar polo patrón do barco, non chegou a presentar ningún título administrativo que o habilitase para esta función. Non tiña o contrato de arrendamento e tampouco puido acreditar que estaba ao corrente de pago do seguro de responsabilidade civil obrigatorio.

Os axentes comprobaron, ademais, que os ocupantes eran moitos máis dos permitidos, xa que a pasaxe máxima autorizada para ese veleiro é de 12 persoas e contabilizáronse 22.

A festa foi disolta e o veleiro trasladouse ao peirao de Vilanova de Arousa, tras o que se formularon unhas denuncias administrativas que se remitiron á Consellería de Sanidade e á Capitanía Marítima de Vilagarcía de Arousa.