miércoles. 24.02.2021 |
El tiempo
miércoles. 24.02.2021
El tiempo

Homenaxe "real" á Armada española en Sanxenxo

Os reis eméritos Juan Carlos e Sofía e a infanta Elena asistiron xoves a unha cea organizada polo Real Club Náutico de Sanxenxo para agradecer a participación do Juan Sebastián de Elcano no Trofeo Almirante Rodríguez Toubes

O concello de Sanxenxo vestiuse coas súas mellores galas para render homenaxe á Armada española, que se prepara estes días para "graduar"  a 92 novos oficiais que terán como misión principal velar pola seguridade do estado.

O Real Club Náutico de Sanxenxo quixo agradecer a presenza do buque escola Juan Sebastián de Elcano en augas sanxenxinas e render homenaxe á Armada polo seu apoio ao Trofeo Almirante Rodríguez Toubes que se disputará durante este fin de semana en augas da ría de Pontevedra co patrocinio de Banco Camiños.

Así, a sede do club acolleu o xoves unha cea ao grande con invitados ilustres, entre os que destacaron o rei emérito Juan Carlos, a raíña Sofía e a infanta Elena.

Asistiu tamén o conselleiro de Cultura e Turismo Román Rodríguez e o secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa.

Por parte da Armada española acudiron o comandante do buque escola, Ignacio Paz García, que puxo fin o xoves, en augas da ría pontevedresa, ao XCI cruceiro de instrución que partiu do Porto de Cádiz fai seis meses; así como o comandante-director da Escola Naval Militar de Marín, Ignacio Cuartero.

En representación da Corporación municipal sanxenxina asistiu o alcalde, Telmo Martín, ademais do presidente do club, Pedro Santos e os patróns e armadores da clase 6 metros que participarán durante este fin de semana na regata.

RECEPCIÓN. Aínda que a recepción dos invitados estaba prevista para as oito e media da tarde, algúns dos invitados atrasáronse un pouco na súa chegada.

Así, os reis eméritos Juan Carlos e Sofía, xunto á infanta Elena, chegaron xuntos ao lugar da celebración, ao redor das 9.10 horas. A súa presenza causou unha gran expectación entre os veciños e veciñas da vila, que se concentraron nas inmediacións do Porto sanxenxino para saudar á familia real.

Don Juan Carlos, Dona Sofía e a infanta Elena saudaron á xente e, sen facer ningunha declaración, entraron no lugar da celebración.

Homenaxe "real" á Armada española en Sanxenxo
comentarios
ç