Os hostaleiros de Vilagarcía reclaman a apertura dos seus establecementos

Varios centos de autónomos esixen solucións para evitar a ruína dos seus negocios e subliñan que non pasan por recibir axudas
photo_camera Imaxe da concentración celebrada na Praza de Galicia. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

A través das redes sociais, e sen o apoio de ningunha organización, un grupo de hostaleiros de Vilagarcía logrou que varios centenares de veciños se concentrasen este domigo na céntrica Praza de Galicia para participar nunha mobilización condicionada pola choiva, que non deixou de caer en ningún momento.

"Estamos aquí e estamos preocupados", subliñou un dos seus promotores, Carlos Xusto, co son de fondo das tapas das cazolas e os aplausos. De "impresionante", cualificou a resposta obtida ao chamamento realizado, tendo en conta a situación meteorolóxica, a prema con que foi realizada a chamada e os escasos medios de que dispuxeron para facelo.

"Non contabamos con que a xente non dese tanto apoio", admitiu un do propietario do bar Enxebre, situado na Baldosa. Respecto dos acontecementos que poidan producirse a curto prazo, dixo que non é optimista. No entanto, precisou que o que quere este sector non son "axudas", senón "traballar". 

Carlos Xusto subliñou que o que esixen nunha solución para abrir as portas. "Antes de decretar o peche deberían buscar unha alternativa, porque a situación que comezou no mes de marzo apenas se aliviou durante o verán", engade.

"Non deu para paliar os gastos", sinala o hostaleiro. E tras outro mes no que sufriron perdas, a perspectiva son as festas do Nadal, e "non van ser o mesmo tampouco e seguiremos perdendo cartos día tras día", advirte.

Ademais, subliña que este sector non é o responsable da propagación do coronavirus. "É unha inxustiza porque non somos o problema". Se fose así, o sería viaxar en autobús, tren ou avión, porque tamén rexistran concentracións de xente, apunta.

Comentarios