A Illa de Arousa reclama á Xunta medidas de protección para O Areoso

O Concello advirte de que o turismo e o cambio climático poñen en perigo a súa existencia
2020082617133617434
photo_camera O Areoso conta cunha notable riqueza natural e arqueolóxica. F.S.

O Concello da Illa de Arousa denuncia que a situación do Areoso, respecto da protección do seu patrimonio natural e arqueolóxico, empeorou coa crise desatada pola irrupción da Covid-19 e reclama á Xunta de Galicia que adopte as medidas necesarias coa finalidade de atallar o problema. Nesta demanda conta co respaldo de colectivos.

Como vén reclamando desde hai anos, a Administración local pide de novo que se prohiba o desembarco de persoas no illote sen a correspondente autorización da Consellería de Medio Ambiente. Tamén solicita o control do fondeo de embarcacións, motos de auga e do número de visitantes, mediante un plan de usos. Ademais, subliña a necesidade de facer valer os dereitos que ten a confraría sobre a concesión marisqueira da zona.

O Goberno local denunciou que, durante o confinamento, non faltou quen se saltou as normas e se desprazou ao Areoso para darse un baño. E a pesar de que o Concello avisou á Xunta -a administración con competencias na materia-, non obtivo resposta algunha e a situación prolóngase durante os meses de verán, coa consecuente progresiva degradación ambiental do illote.

A Administración local e diversos colectivos ecoloxistas, veciñais e culturais advirten de que o illote está a sufrir durante os últimos anos unha gran presión, derivada do turismo incontrolado, que está poñendo en perigo a conservación da flora e a fauna e dos xacementos arqueolóxicos situados neste espazo.

A estas problemáticas engade que o "perigo da desaparición do illote vai en aumento, debido á subida do mar, polo cambio climático e a de substrato nos seus fondos, convertidos nun aparcadoiro de motos e iates, onde parece que todo vale", expón a concelleira de Medio Ambiente, Gabriele von Hundelshausen.

E outro referente ambiental da Illa de Arousa, o parque natural do Carreirón tamén "acusa a falta de interese, investimento, mantemento e vixilancia por parte da Xunta, mais tamén a falta de concienciación e respecto por parte dous seus visitantes", subliña a edil.

Varios colectivos sopesan denunciar ante a UE
A Sociedade Galega de Ornitoloxía (SGO) e SEO Pontevedra denuncian "o desleixo da Dirección Xeral de Patrimonio Natural na conservación dos Guidoiros Areoso e Pedregoso". Antes de exporse a opción de presentar unha denuncia contra a Xunta de Galicia ante a Unión Europea por incumprimento das directivas de Hábitat (92/43/CEE) e de Aves (2009/147/CE), a SGO e SEO reiteran á Administración autonómica a necesidade dun ordenamento específico que protexa este espazo, que inclúe vixilancia regular por parte de axentes forestais ou da Garda Civil, implantación de zonas de reserva nas dunas do Areoso e no oeste da illa para impedir o acceso, excepto a grupos guiados a partir do 15 de agosto, do mesmo xeito que no Pedregoso. Tamén pide limitar o acceso á illa de Rúa, incluída no mesmo conxunto natural, e que actualmente padece unha menor presión turística debido á ausencia de praias, apuntan.

Comentarios