miércoles. 08.07.2020 |
El tiempo
miércoles. 08.07.2020
El tiempo

A Illa converterase no epicentro da música en directo co Atlantic Fest

Punta Cabalo converteuse no escenario da presentación do evento. CEDIDA
Punta Cabalo converteuse no escenario da presentación do evento. CEDIDA

Os Planetas, Love of Lesbian, Dorian e Nacho Veigas son as cabezas de cartel desta cita

Os Planetas, Love of Lesbian, Dorian, Marlon Williams, Nacho Veigas, A Ben Querida, Cupido, A Zowi, Joe Crepúsculo, Maria Rodés, Soleá Morente, The New Raemon, Mourn, Victor Coyote, Agarimo, Apartamentos Acapulco, La Estrella de David, O Odio, Chelsea Boots, Betacam, Candeleros, Hickeys, Albany e Confeti de Odio subiranse a algún dos catro escenarios que serán instalados a poucos metros da praia do Bao, na Illa de Arousa, onde se celebrará a cuarta edición do Atlantic Fest, entre os días 26, 27 e 28 de xullo.

Os Planetas, Nacho Veigas e Dorian volven logo de actuar en 2000, 2002 e 2003, respectivamente, cando puñan en marcha os seus proxectos musicais. A súa traxectoria reflexa a filosofía deste festival, que mantén a súa aposta por converterse na rampla de lanzamento de grupos e intérpretes e de dar cabida a aqueles que hoxe ocupan un posto de privilexio no panorama, explica o seu organizador, Toño Caneda.

A novidade desta edición estriba en que os escenarios deixan o seu anterior emprazamento, o aparcadoiro, para situarse na parcela anexa, onde crece a herba e é máis ampla. Son 55.000 metros cadrados. Como en anos anteriores, a música tamén soará no núcleo urbano, porque haberá concertos na Praza de Abastos, mentres que O Regueiro será o lugar onde se instale a Duendeneta.

Este evento foi presentado onte en Punta Cabalo. A Deputación pretende "remover as conciencias nas loitas contra os plásticos, porque, se seguimos así, no ano 2050 vai haber máis plásticos que peixes", advertiu a súa presidenta, Carmela Silva. O alcalde, Carlos Iglesias, subliñou o efecto positivo do festival na imaxe da illa e na súa economía.

Ademais da campaña "Experiencias Sostibles", a Deputación promove a igualdade cunha lema que resume o obxectivo da súa iniciativa: "Eu decido ti respectas, eu respéctote conto contigo".

O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, anunciou que o impacto económico deste evento será estudado utilizando o método usado para avaliar o Portamérica na edición de 2018 e na actual.

A Illa converterase no epicentro da música en directo co Atlantic Fest
comentarios