A Illa recolle o Atlantic Fest

O festival contará cun punto de información da campaña de igualdade da Deputación para previr as agresións sexuais
atlantic_fest
photo_camera Escenario da primeira edición do Atantic Fest. DP

A cuarta edición do Atlantic Fest chega este venres á Illa de Arousa cun cartel repleto de artistas nacionais e internacionais, que ocuparán os escenarios ata o vindeiro domingo.

O venres, primeiro día do festival, o recinto abrirá ás 19.00 horas e estarán activos tres escenarios, Mahou, Alma Atlántica e Jägermusic, onde actuarán grupos como Cupido, Cariño ou La Zowi. Logo das actuacións principais, haberá unha sesión de Djs, na que picará K Dj (00.30-2.30 horas) e Señora DJ (2.30-3.30 horas) desde a Duendeneta, na Praza do Regueiro.

CartelO prato forte chega o sábado, con concertos como Love Of Lesbian, Los Planetas, Dorian ou Marlon Williams, grupos que concentrarán a todos os asistentes no recinto principal, coa activación dos catro escenarios. Mentres, o domingo, día 28, o festival volve de novo á vila para pechar esta edición cos concertos no espazo matinal Paco & Lola.

Ademais para os que non queiran estar a ir e vir e para os forasteiros que van á Illa de Arousa para gozar da boa música, hai unha zona de acampada situada na Praia de Area da Secada, a cal abre as súas portas hoxe ás 16.00 horas ata o domingo ás 18.00 horas. Tamén haberá autobuses gratuítos para os asistentes con paradas no recinto principal, vila e zona de descanso, os cales só estarán dispoñibles desde o venres de 19.00 horas a 20.30 horas e mañá de 11.00 horas a 4.00 horas.

O festival Atlantic Fest, non se esquece dos máis pequenos e conta cunha zona de xogos que se baseará nunha serie de talleres e actividades que se pode atopar na Zona de Puleva, con abertura ás 13.00 horas e peche ás 21.30. A presentación do libro de Javier Becerra ¡Esto es Pop!, é unha destas actividades e trátase dunha historia do pop contada a través de emocións, pequenas historias, ilustracións de Catuxa Alonso e 25 cancións e narrada de forma interactiva para os nenos. Os adultos tamén poderán atopar actividades dirixidas a eles, como o photocall de Mahou que simula un pequeno escenario onde os asistentes se poderán facer as súas propias fotos.

Comentarios