Incautan na AP-9 seis toneladas de sardiñas descargadas no peirao de Portonovo

As 361 caixas, que non pasaron pola lonxa, transportábanse nun camión sen ningún tipo de documentación
Pescado incautado. GUARDIA CIVIL
photo_camera Peixe incautado. GARDA CIVIL

A Garda Civil, nun operativo coordinado co Servizo de Gardacostas da Xunta, incautouse dun cargamento de preto de seis toneladas de sardiñas que circulaba ilegalmente pola AP-9. Atendendo á información do instituto armado, non dispoñía de ningún tipo de documentación que acreditase a súa trazabilidade.

A intervención, froito dun dispositivo de vixilancia para erradicar o furtivismo, produciuse sobre as tres da madrugada do pasado mércores na área de descanso da Autoestrada do Atlántico á altura de Figueirido. Foi pouco despois de que se detectase unha descarga de peixe no porto de Portonovo que saíu do peirao nun camión sen pasar pola lonxa.

A inspección da carga do camión revelou que transportaba 361 caixas de sardiñas "sen ningún tipo de guía de circulación que acreditase a súa procedencia e a súa trazabilidade". Os efectivos do Servizo de Gardacostas, que se fixeron cargo da instrución das denuncias administrativas, procederon ao comiso do peixe e a súa posterior pesada na lonxa de Portonovo.

En total, eran 5.803 quilos, que foron entregados para fins benéficos no banco de alimentos de Pontevedra.

Comentarios