Investigado un motorista en Sanxenxo por proferir insultos racistas e ameazas en Progreso

▶ O individuo foi denunciado por un asturiano de orixe colombiana, ao que chamou "sudaca"

▶ A Garda Civil relaciona ao sospeitoso cun delito contra a seguridade de tráfico

Las retenciones fueron una constante en Progreso durante la mañana del jueves. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera Vista xeral dun tramo da rúa Progreso, na que se produciu o incidente. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

A Garda Civil investiga a un individuo como presunto responsable dun delito de ameazas e de seguridade contra o tráfico. O sospeitoso foi denunciado por un veciño da localidade asturiana de Luarca, aínda que natural de Colombia, por supostos insultos xenófobos.

Os feitos remóntanse ao pasado sábado, 10 de agosto. Foi ao fío das once da mañá (concretamente, ás 10.50 horas, segundo explicaron o martes a este xornal fontes da Policía Local de Sanxenxo) cando o denunciante, que circulaba pola rúa Progreso nun patinete eléctrico, foi insultado pola persoa sobre a que abriu dilixencias o Instituto Armado, que nese instante tamén se desprazaba pola mesma zona, aínda que, no seu caso, utilizando unha motocicleta. Segundo consta na denuncia presentada ante a Benemérita, o motorista utilizaría expresións de menosprezo como "sudaca", "volve ao teu país" ou "sodes merda", entre outros menosprecios. Así mesmo, o veciño residente no Principado de Asturias informou aos axentes da Garda Civil de que tamén chegou a ser ameazado de morte.

Fontes do Instuto Armado confirmaron o martes a este xornal que, efectivamente, produciuse unha discusión entre o home que circulaba en monopatín e o motorista. O primeiro deles presentou unha denuncia e, por mor diso, o sospeitoso está a ser investigado penalmente. No entanto, a polémica non acaba aí. E é que o home que recibiu os insultos tamén se mostrou moi molesto coa actuación da Policía Local de Sanxenxo.

O denunciante, que circulaba nun patinete eléctrico, foi insultado por un motorista

Segundo explicou nun comunicado remitido aos medios de comunicación, os axentes do corpo de seguridade municipal decidiron inmobilizar o seu patinete eléctrico "sen dar ningún tipo de explicación". Ademais, tamén acusa aos axentes locais de "permitir a marcha" do individuo que supostamente lle insultara. Estas afirmacións tamén se inclúen na denuncia tramitada no Posto da Garda Civil de Sanxenxo.

POLICÍA LOCAL. Doutra banda, o propietario do patinete acusa a un dos policías sanxenxinos de referirse a el en termos como "váiseche caer o pelo". Ante esta situación, o afectado considera que foi vítima dunha "mala actuación policial".

Pola súa banda, o Concello de Sanxenxo confirma que membros da Policía Local acudiron ao lugar no que se orixinou a discusión entre os dous homes. No entanto, fontes da Administración local matizan que os axentes "limitáronse a levantar acta da discusión". Ademais, o Goberno local confirma que, efectivamente, o visitante asturiano presentou unha denuncia ante a Garda Civil.

Dáse a circunstancia de que os feitos se produciron nunha das rúas máis céntricas do centro urbano sanxenxino, pola que transitan miles de vehículos diariamente, especialmente durante os meses de xullo e de agosto, en plena tempada estival.

Comentarios