Ir á praia sen contaminar

Sanxenxo e O Grove dispoñen de 80 motos eléctricas para aluguer a través dunha aplicación móbil para desprazarse dun xeito sostible
Una de las motos eléctricas de Sanxenxo. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
photo_camera Unha das motos eléctricas de Sanxenxo. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

Está claro que o xeito máis limpo de chegar ata a praia nestes meses –teoricamente– de calor é ir andando ou en bicicleta. Con todo, non todos temos un apartamento en primeira liña de Silgar ou un chalé a 50 metros de Areas, polo que o normal é ter que desprazarse en coche con todas as incomodidades que isto supón: o tráfico, o aparcadoiro, o gasto...

Ante este problema que se repite cada verán de cada ano nas comarcas costeiras de Pontevedra, esta tempada xurdiu unha solución: Breogán Mobility. Aproveitando un "oco de mercado e querendo axudar ao medio ambiente", nace este proxecto do Grupo Breogán, que consiste en repartir 80 motos 100% eléctricas polo Grove e Sanxenxo.

"No verán estes pobos ponse a lume de biqueira de coches", di Pablo Padín, responsable desta iniciativa. Este motosharing, que defende que é pioneiro en Galicia, ten como obxectivo que a xente "deixe os seus coches aparcados e que poidan usar motos para desprazarse". Ademais, ao ser de motor eléctrico, "non emiten contaminación nin fan ruído".

Aínda que Padín sosteña que o servizo está enfocado "a todos os públicos" (a condición de que se teña o A1 ou máis de tres anos de carné de coche, xa que as motos son de 125cc), os usuarios que máis se benefician da flota de motos despregada polo Salnés son "os empregados dos hoteis do centro e as persoas aloxadas en cámpings". No caso dos primeiros, explica o responsable, en moitas ocasións son traballadores que viven nos pobos dos arredores de Sanxenxo, polo que o desprazamento en coche é obrigado. Entón, aparcan os seus coches nos arredores e "collen a moto para chegar ao centro". Ademais, defende o económico do servizo: "por dous ou tres euros chegas ao centro, porque o normal non é andar máis de 10 ou 15 minutos".

O funcionamento, ademais, é simple: todo xestiónase a través dunha aplicación móbil. Grazas á geolocalización, aparece a pantalla un mapa "da zona de Sanxenxo e O Grove, con todas as motos e a súa porcentaxe de batería".

Despois, é simplemente "escoller a moto que máis carga teña e a rodar". De feito, un pode coller a moto e chegar ata onde necesite –a autonomía alcanza os 120 quilómetros– a condición de que se volvan a aparcar nas zonas sinaladas.

SERVIZO TEMPORAL. pesar de que esta iniciativa se implantase fai tan só unhas semanas –"a principios de xullo", sinala Padín–, a empresa recollerá as motos "a finais de agosto ou principios de setembro", iso si, promete que volverán o ano que vén "con máis forza".

Por outra banda, de momento só están dispoñibles para as zonas de Sanxenxo e O Grove, aínda que si que é posible desprazarse con elas ata outros lugares, pera hai que volver aparcalas nestes concellos. De todos os xeitos, explica o responsable de Breogán Mobility que "están pensadas para moverse por lugares próximos". De feito, a empresa ofrece outros produtos que se axustan a outros tipos de demanda, como aluguer de motocicletas por días ou semanas.

De todos os xeitos, Pablo Padín non pecha as portas a expandirse por outros territorios: teñen a Vigo no punto de mira, e conta que existe a "posibilidade inmediata" de que trasladen unha flota de motos á cidade. Con todo, recoñece que "isto tamén é moi novo para eles" e que aínda teñen "que·estudar o mercado", pero non descarta a posibilidade de traer Breogán Mobility a Pontevedra. "Onde haxa posibilidade de mercado, alí iremos", di Padín.

Comentarios