José Varela Pardo: "A base musical que hai en Sanxenxo é excelente, aquí temos canteira"

O novo director da banda de música de Sanxenxo salienta a xunventude do grupo e a implicación dos músicos

José Pardo, durante o ensaio realizado o pasado venres no Pazo Emilia Pardo Bazán. RAFA FARIÑA
photo_camera José Pardo, durante o ensaio realizado o pasado venres no Pazo Emilia Pardo Bazán. RAFA FARIÑA

DESPOIS DA SÚA ESTREA no Concerto de Reis, que congregou a un numeroso público, José Varela xa pensa en próximos obxectivos. Manter unha boa sintonía coa Escola de Música Municipal, tratar de ampliar o número de concertos ao longo do ano ou participar en máis certames de ámbito autonómico son algunhas das metas que se marca Varela Pardo no que é o seu retorno a Sanxenxo, onde xa exercera con anterioridade.

Que balance fai do traballo realizado desde a súa chegada?
Para min é un pracer estar desenvolvendo este labor. Sentinme moi cómodo desde o momento en que fixen as probas, a finais do ano pasado, e tiven a miña estrea no concerto solidario que ofrecemos o Día de Reis (celebrouse na Praza dos Barcos). Penso que a banda leva moito tempo funcionando ben. Hai que salientar o traballo que fixo o anterior director.

Vostede xa formou parte desta agrupación hai anos.
Si. De feito, agora hai moita xente nova, pero os máis veteráns coñécenme.

Que cambios percibe?
A banda avanzou moito. A primeira vez que estiven en Sanxenxo foi hai uns cinco anos. É pouco tempo, pero noto que hai cada vez máis calidade. Iso fala moi ben do compromiso e da implicación da xente.

Sanxenxo, pese a non ter unha banda de gran tradición, si que conta con moita afección á música

Que obxectivos se marca nesta nova etapa?
Hai un reto principal, que é manter unha boa sintonía coa Escola de Música Municipal. O seu responsable tamén leva pouco tempo no seu posto, pero está facendo un labor incrible, ao igual que o propio Concello de Sanxenxo. A escola ten un potencial tremendo. Conta con 200 alumnos de diferentes idades e iso é importante. Ademais diso, estamos preparando un curso de dirección, que terá lugar en Semana Santa. Tamén estamos pensando en participar en máis certames a nivel autonómico.

Que destacaría da Banda de Música de Sanxenxo?
A súa xuventude. O músico de maior idade ten pouco máis de 30 anos. Todos os integrantes da agrupación teñen unha gran implicación, como demostra a gran asistencia aos ensaios. Moitos deles estudan fóra e, pese ao cansanzo, cada venres pola noite están no local. Ademais, o ambiente que temos é moi bo, non me podo queixar.

Fala da xuventude dos seus pupilos. Parece que en Sanxenxo hai canteira musical, entón.
Totalmente. A base que temos é excelente. É certo que sempre se pode botar en falta algún instrumento, pero non existe unha banda perfecta. Sobre o tema da canteira, xa asistín a algún ensaio do grupo infantil e quedei encantado. En breve vanse incorporar á nosa banda dez destes cativos. É unha cifra moi elevada. Dar este paso require dun esforzo extra e traballar a tope, pero están dispostos a iso e moito máis.

Está facendo un labor incrible. Conta con 200 alumnos de diferentes idades; aí hai moito potencial

O futuro do colectivo parece garantido.
Sanxenxo ten algo especial. A súa banda non é tan antiga coma noutras vilas. Por exemplo, en Meaño ou na miña terra natal contan con máis de 100 anos de historia. Aquí quizais non hai unha tradición tan marcada, pero si unha afección moi importante á musica por parte da xente moza. É algo que me chama moito a atención.

Antes falaba dos seus obxectivos, algún deles pasa por ampliar o número de actuacións na vila ou na comarca?
Si. Queremos ofrecer concertos cada mes e medio aproximadamente. Estamos traballando para que en abril haxa unha actuación de solistas. Con este tipo de iniciativas, os músicos teñen a ocasión de exhibirse e motivarse.

"Non podemos queixarnos das nosas instalacións, son excelentes e témolas a man"
UNHA DAS CLAVES no modus operandi de Varela pasa por lograr unha boa sintonía cos seus pupilos. "Considero que é necesario ter en conta as peticións dos músicos», repite en varias ocasións. Por iso, cando toca pensar nos repertorios dos concertos, a Varela Pardo non se lle caen os aneis á hora de pedir aos membros da banda que se pronuncien.

Como se define como director?
Para min é importante poñerme no sitio dos músicos. Eles tamén teñen dereito a opinar á hora de elixir un repertorio e ter capacidade de decisión. Gústame escoitalos e ter en conta as súas valoracións.

En ocasións tense falado de que Sanxenxo precisa dun local de ensaio. Que valoración fai das infraestruturas que hai na vila?
Nós non podemos queixarnos. Temos unhas instalacións de sobresaliente. O local no que practicamos podemos solicitalo sempre que o precisamos, ao igual que o auditorio. Está todo climatizado. Sinceramente, penso que non temos problemas nese sentido.

Comentarios