O Juan Sebastián de Elcano entra na ría causando unha gran expectación

Os 70 guardiamarinas a bordo do buque escola poderán volver abrazar ás súas famliares e amigos logo de seis meses

A chegada do Juan Sebastián de Elcano causou unha gran expectación na localidade sanxenxina. O buque escola tiña prevista a súa chegada a augas pontevedresas a media tarde, pero as boas condicións meteorolóxicas que reinan na costa galega propiciaron que o Elcano arribase varias horas antes do previsto.

Así, durante todo o venres o buque, que está ao mando do capitán de navío Ignacio Paz García, estivo fondeado nas inmediacións da praia de Silgar, acaparando todas as miradas dos centos de veciños e veciñas e dos visitantes que se achegaron ata a praia sanxenxina.

O Juan Sebastián de Elcano, que fixo escala neste concello para dar o "bocinazo" de saída para a flota de 6 metros que disputará o Trofeo Almirante Rodríguez Toubes, porá rumbo este mediodía cara a Marín, onde os familiares, amigos e parellas dos 70 guardiamarinas que participaron no XCI cruceiro de instrución esperarán expectantes á chegada destes alumnos e alumnas de terceiro curso de carreira da Escola Naval Militar que volven á vila coa maleta cargada de experiencias.

O buque escola será recibido polo comandante-director do centro castrense, Ignacio Cuartero, polo Batallón de Alumnos e pola Banda de Música da ENM.

O buque permanecerá atracado no Peirao de Torpedos ata o próximo 17 de xullo

PORTAS ABERTAS. As persoas que desexen coñecer de cerca o primeiro buque que deu a volta ao mundo poderán facelo durante a tarde do domingo ou do próximo martes. E é que a Escola Naval Militar organiza dúas xornadas de portas abertas para que a poboación poida visitar o buque escola da Armada. O horario será de 16.00 a 20.00 horas.

O pasado 13 de xaneiro os 70 guardiamarinas pertencentes á 421ª promoción do Corpo Xeral e 151ª de Infantería de Mariña embarcáronse no Juan Sebastián de Elcano no Porto de Cádiz. Desde ese momento, os alumnos e alumnas do centro castrense asucaron as augas de Estados Unidos, Colombia, México, Cuba, Portugal, Alemaña ou Polonia, entre outros.

Tras o desembarco dos guardiamarinas, e logo da súa estancia na ría, o buque partirá de novo cara a Cádiz onde ten prevista a súa chegada o próximo 21 de xullo, pondo fin, deste xeito, ao XCI cruceiro de instrución. A bordo do Elcano, rumbo á cidade andaluza, irá unha dotación formada por 22 oficiais, 20 suboficiais, 136 militares da escala de Mariñeiría e Tropa, un profesor universitario e dous mestres civís, ademais do capitán de navío, Ignacio Paz García.


A alcaldesa recibe aos novos oficiais

A alcaldesa, María Ramallo, recibiu onte aos 92 alumnos, tres deles mulleres, que o vindeiro martes recibirán os reais despachos na Escola Naval Militar. A rexedora desexoulles a cada un deles "unha proxección persoal e profesional brillante" e pediulles que nunca se esquezan de Marín".

2019071311453969700
 

Comentarios