"Debemos diferenciar ben o mexillón de Orixe Protexida nas bateas galegas"

Velar "pola unión e a calidade" é o obxectivo da primeira presidenta do Consello Regulador do Mexillón 
Lina Solla. GONZALO GARCÍA
photo_camera Lina Solla. GONZALO GARCÍA

A nova presidenta do Consello Regulador do Mexillón, Lina Solla, define o sector mexilloeiro coma  "unha das grandes potencias en Galicia", entre transporte, fábricas ou depuradoras, nunha rede de 3.300 bateas nas rías galegas, das que máis de 2.100 xa forman parte da entidade.

Cales son os obxectivos nesta nova etapa do Consello?

É primordial que tanto traballadores como empresas que aínda están fóra entren no Consello para formar unha entidade máis ampla. Hai que buscar unha excelencia no produto, e que suban os rendementos de carne. O mexillón de Galicia ten que ser dunha calidade suprema, e o que non dea este tipo de calidade tamén terá que ser galego, pero denominado doutro xeito. O mexillón de Galicia debe ser un mexillón de excelencia, e temos que comezar a producir un pouco mellor. O bo que temos agora no Consello é que está o anterior presidente, os conserveiros e produtores, e entre todos temos que buscar o xeito de darlle o empurrón definitivo que aínda lle falta. A miña misión no Consello é velar pola unión e pola calidade.

É a primeira muller que preside o Consello nun sector moi masculinizado...

Levo neste sector moitos anos e nunca me sentín marxinada. Ou ao mellor é que teño as cousas tan claras que tampouco me paro a pensar niso. Agora no Consello imos ser tres mulleres, hai unha polo sector da produción e outra polo da conserva, e teñen tamén as ideas moi claras. Ser presidenta do Consello é un traballo moi duro, pero non podía dicir que non. Que haxa un consenso entre produción, comercialización e fabricantes para que eu sexa presidenta é un orgullo. O sector deume moito a min e eu tamén debo darlle algo a el, do mellor xeito que saiba, e de corazón.

Cal é a situación actual do sector?

Temos xente que agarda o tempo correspondente polo mexillón e que non o saca antes para que teña mellor calidade, iso é o que temos que premiar. Se temos un bo produto vaise vender, ás veces non é cuestión de prezo, senon de calidade. Dentro das nosas bateas tamén temos algunhas que non poden ser de Orixe Protexida, pero tamén hai que vendelo, ten o seu mercado e haberá que defendelo. Tamén é galego, pero iso non quere dicir que sexa de OP, hai que diferencialo. Ao mellor de OP só pode haber catro ou cinco meses ao ano.

Na ría de Pontevedra hai varios frontes abertos, coma o do emisario ou os dragados do fondo da ría. Cales son as principais demandas?

Temos que animar a toda a ría de Pontevedra a que entre dentro do Consello. Xa hai bateas dentro pero hai que facerlles ver que merece a pena estar aquí. Todo o que sexa mellorar para pasar de zonas C a zonas B, que é o problema que hai agora nos polígonos de Portonovo A e B, é bo. Parece ser que para o ano que vén estará solucionado o tema das zonas B e C, e a verdade é que o desexamos todos. Sobre todo eu como depuradora, que non podo mercar mexillón desa zona, e é un mexillón dunha calidade fantástica que me gustaría poder mercar. Se o arranxo do emisario non está solucionado o ano que vén, pedirémolo máis veces, e ao mellor máis alto.

Que haxa un consenso entre produción, comercialización e fabricantes para a miña presidencia é un orgullo

Tamén hai unha multa pendente da Unión Europea se non se soluciona o tema da contaminación...

Os que vivimos do mar temos que coidalo. Somos uns privilexiados pola calidade que teñen as nosas augas. Non sei se isto se arranxa con multas ou por que non está solucionado. Creo que a solución non é sinxela, pero agardo que as novas xeracións, que están máis concienciadas co medio ambiente, o fagan ben. Destas rías vivimos moitas familias.

Como está afectando a pandemia ao sector?

No caso dos depuradores imos día a día, pero a canle da hostelería baixou moito a nivel mercados. Aínda así, quizáis o que baixa a hostelería súbeo a grande distribución. A xente está máis na casa e come máis alí. O mexillón é un produto fantástico e o prezo é asequible. Na casa sempre tes unha lata, e se vas ao fresco mercas a malla unha vez á semana. Pero os formatos con salsas en lata sempre están nos fogares, e nestas épocas aínda acumulamos máis. De feito, penso que as vendas na pandemia subiron. No sector produtor as vendas van ben, e cada ano consúmese antes e acábase antes.

Afectaron moito os peches por toxina deste ano?

Aínda estamos agora nun, en pleno novembro. Esta época é de plena faena, e se estivera aberto estariamos traballando a pleno rendemento, porque a calidade do produto agora mesmo é maioritariamente boa. Ao estar pechadas algunhas zonas levamos semanas ao ralentí. É algo co que temos que convivir. En Galicia temos o mellor laboratorio, o INTECMAR, e en materia de prevención somos o número un, non nos arriscamos.

Comentarios