Localizan en Almería ao presunto autor dunha estafa a un veciño de Sanxenxo

A vítima comprou un motor foraborda a través de internet, por 2.425 euros, e nunca o recibiu

Foto de archivo de un ordenador. DP

A Garda Civil investiga penalmente a un veciño da localidade de Adra, na provincia de Almería, como presunto autor dun delito de estafa a un veciño de Sanxenxo, na venda dun motor foraborda a través de internet. 

As pescudas para a localización desta persoa iniciounas o Posto Principal da Garda Civil de Sanxenxo o pasado mes de decembro por mor da denuncia formulada por un veciño desta localidade, debido a que comprara un motor foraborda a través de internet e que a pesar de abonar o importe total (2.425 euros), non recibira o motor, informou o Instituto Armado. 

"O modus operandi desta persoa baseábase fundamentalmente en gañarse a confianza dos clientes que captaba a través das páxinas web de anuncios en e das redes sociais", abundou a Benemérita. 

Para iso facilitáballes dous teléfonos de contacto con cartóns prepago a nome de cidadáns estranxeiros, para "ocultar a súa verdadeira identidade", indica o Instituto Armado. Unha vez concertada a compra do artigo, "reforzaba a estratexia do engano con facturas falsificadas co logotipo e a razón social doutras empresas", engade. 

O comprador ingresaba o importe nunha conta determinada bancaria, de onde era inmediatamente retirado, para a apertura doutras novas.

NUMEROSAS ESTAFAS. Por mor das investigacións realizadas polo equipo de investigación do Posto Principal da Garda Civil de Sanxenxo, no marco da denominada peración Mercury, púidose pescudar a identidade do presunto autor, que xa figuraba cun amplo historial delituoso, que o relacionan cun importante número de estafas das mesmas características cometidas en varias provincias de Galicia e no resto do territorio nacional, por un montante que supera os 25.000 euros. 

A investigación concluíu coa identificación do presunto autor, G.M.M.P., de 35 anos de idade, que foi localizado, en primeiro lugar, en Granada e, finalmente, na localidade de Adra, na provincia de Almería, onde foi detido por efectivos da Garda Civil da mesma localidade almeriense en base a varias reclamacións xudiciais que tiña pendentes, á vez que se lle notificou a súa condición de investigado como presunto autor da estafa a este veciño de Sanxenxo. 

Os feitos investigados foron postos en coñecemento do xulgado de Instrución de garda de Cambados e Adra (Almería), ante os que deberá responder cando sexa citado. 

Comentarios