O servizo de Gardacostas de Galicia activou un plan de urxencia –nivel medio– ante o achado dunha mancha de fuel de 1.300 por 500 metros na ría de Arousa, entre Ribeira e a illa da Rúa, segundo informaron fontes da Xunta.
A mancha de combustible foi detectada ao redor das dúas da tarde deste martes por un avión de Salvamento Marítimo que realizaba un voo de observación pola zona. Ten o tamaño "duns 15 campos de fútbol".
Localizada un mancha de residuos oleosos en la ría de #Arousa. Desde CCS Finisterre se movilizan medios (Salvamar Sargadelos, Don Inda, avión Sasemar 102 y unidades marítimas de @GardacostasGal)
— SALVAMENTO MARÍTIMO (@salvamentogob) October 13, 2020
para controlar la evolución de la mancha y tratar de contenerla y recogerla. pic.twitter.com/9qOtZL3W24
Como medida preventiva, o Instituto tecnolóxico para o control do medio mariño (Intecmar) decretou o peche cautelar dun polígono de bateas próximo á zona, o de Ribeira B.
Cara á zona da vertedura desprázanse os buques Irmáns García Nodal e Paio Gómez Chariño e as patrulleiras Punta Falcoeiro e Punta Roncadoira con persoal do servizo de Gardacostas para sumarse aos efectivos de Salvamento Marítimo, que coordina o operativo para evitar que o combustible chegue á costa.
A conselleira do Mar, Rosa Quintana, solicitou ao delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, a activación do plan marítimo nacional, ao tratarse dun episodio no mar e mentres a contaminación non chegue á costa.
Pola súa banda, o Ministerio de Transportes, a través da Capitanía Marítima de Vilagarcía de Arousa, indicou que está a supervisar os traballos de contención e limpeza da mancha de fuel detectada polo avión de Sasemar 102 cando se atopaba en fase de recoñecemento e que activou o Plan Marítimo Nacional de resposta ante a contaminación mariña, en fase de urxencia 1.
Fíxoo, indica a nota, en coordinación coa Delegación do Goberno en Galicia, o Servizo de Gardacostas de Galicia, a Autoridade Portuaria e a Xunta, que tamén activou un plan de urxencia de nivel medio tras a detección da mancha, que mide ao redor de 1.500 por 400 metros e atópase próxima á ría de Arousa, entre Ribeira e a illa da Rúa.
Capitanía Marítima coordina, como indica o escrito dirixido aos medios de comunicación, o operativo no que están intervindo buques contratados pola Autoridade Portuaria de Vilagarcía e efectivos de Salvamento Marítimo, coordinados polo responsable do Centro de Salvamento, que se atopa na zona afectada a bordo da Salvamar Sargadelos. A este operativo súmase o buque de salvamento Don Inda.
Está a procederse á instalación de medidas de contención e desenvolvendo traballos de limpeza na zona afectada co obxectivo de que a mancha non chegue á costa. Capitanía Marítima está a investigar a posible orixe do derrame mediante a análise da mancha, a súa localización e tipoloxía.
Durante a noite manterase o dispositivo de limpeza na zona e renovaranse as operacións de recollida ao amencer.