O lume nunha mesa de traballo provoca un incendio nunha nave de Vilagarcía

As chamas iniciáronse nun lugar con produtos para a fundición do metal
Un camión de bomberos. ARCHIVO
photo_camera Un camión de bomberos. ARCHIVO

Os equipos de intervención extinguiron un incendio orixinado nunha mesa con produtos para a fundición de metal nunha empresa situada no Polígono Industrial de Rubiáns, en Vilagarcía.

Segundo a información recollida no 112 Galicia, arderon os filtros dunha máquina situada no soto da empresa, onde os servizos de urxencia contiveron o lume para evitar a súa propagación sen que ningunha persoa resultase ferida nin afectada. Tampouco se produciu ningún tipo de contaminación. De feito, os bombeiros confirmaron que a situación fora controlada de forma inmediata grazas á rápida actuación dos traballadores da empresa.

Preto das seis menos cuarto da tarde deste martes, o 112 Galicia recibía o aviso dos profesionais sanitarios para informar da mobilización de dúas ambulancias, tras recibir a chamada dunha persoa particular que alertaba dun incendio no interior dunha nave industrial, na estrada de Vilagarcía cara a Pontevedra, ao seu paso pola parroquia de Rubiáns.

A partir de aí, os xestores do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia puxeron os feitos en coñecemento dos Bombeiros de Vilagarcía, dos membros do Servizo Municipal de Urxencias da localidade, da Policía Nacional e Local.