Luz verde a un cultivo experimental en batea de vieira, zamburiña e voandeira no Grove

Producirá entre 16,6 e 18,5 toneladas ao ano. A Xunta afirma que "non son previsibles efectos significativos sobre o medio ambiente" 
Vieiras. DP
photo_camera Vieiras. DP

A Consellería de Medio Ambiente deu luz verde ao informe de impacto ambiental dun proxecto experimental para o cultivo en batea de vieiras, zamburiñas e voandeira na ría de Arousa. A partir do segundo ano de vida, prevé unha produción anual de entre 16,6 e 18,5 toneladas. 

Este proxecto, impulsado pola empresa Monroa SL, levará a cabo en dúas singulares bateas de estrutura articulada de polietileno no Grove, nunha zona dedicada, principalmente, ao cultivo de mexillón. 

De tal forma, estas bateas especiais contan unhas argollas cun sistema de gaiolas metálicas. Por unha banda, haberá unha batea con gaiolas con bandexas de cultivo ensambladas para o prengorde de semente con capacidade de oito ou 12 unidades. A outra batea será na que se realice o engorde final. 

O sistema de cultivo que se prevé probar usará lanternas --con malla de monofilamento-- para a captación de semente no medio natural. En caso de ser necesario, non se descarta o abastecemento de semente en criadeiros autorizados. 

A produción que se obteña de vieira comercializarase previa depuración e evisceración nunha planta autorizada.

SEN IMPACTO SIGNIFICATIVO. O feito de que estas bateas se atopen en Rede Natura, debido a que está nos límites dunha Zona de Especial Protección para Aves (ZEPA), provoca unha serie de recomendacións a ter en conta, aínda que o expediente conclúe que "non son previsibles efectos significativos sobre o medio ambiente". 

A este respecto, a Dirección Xeral da Costa e o –Mar dependente do Ministerio para a Transición Ecolóxica– chama a atención sobre a necesidade de que se inclúa unha avaliación dos posibles efectos no cambio climático. 

Neste sentido, a Dirección Xeral de Biodiversidade avisa de que este cultivo de pectínidos, "tal e como recoñece o promotor, pode ocasionar afeccións a aves mariñas que utilizan as ZEPA, pero tamén pode ter efectos sobre os cetáceos e tartarugas mariñas que atravesan as súas augas". 

Esas posibles afeccións para a fauna pasan por: a posible introdución de materia orgánica ao medio mariño, cun incremento da turbidez da auga; a atracción de animais en busca de alimento; o tránsito de embarcacións que incrementan o risco de colisión con cetáceos e tartarugas; así como a contaminación mariña polos residuos xerados. Con todo, este organismo descarta unha "afección negativa significativa sobre os valores naturais". 

Sobre este extremo, a Dirección Xeral de Pesca apunta que "non existirán verteduras nin residuos orgánicos significativos ao medio mariño derivadas da actividade". 

Entre outras condicións que marcan as administracións, fíxase unha revisión periódica das bateas, controis da calidade da auga e facer labores periódicas de limpeza. 

Por todo iso, a directora xeral de Calidade Ambiental, María Sagrario Pérez, resolve aprobar o informe do impacto ambiental simplificado. 

Comentarios