Luz verde de Portos para renovar o uso do varadoiro de Portonovo como parking

Susana Lenguas visitou Sanxenxo e Portonovo para analizar as necesidades da fachada marítima
undefined
photo_camera Membros do goberno local de Sanxenxo e de Portos, este luns no vadoiro de Portonovo. DP

A presidenta de Portos de Galicia, Susana Lenguas, percorreu este luns Sanxenxo e Portonovo, acompañada do alcalde, Telmo Martín, a tenente de alcalde, María Deza e a concelleira de Urbanismo, Flavia Besada, co obxectivo de analizar in situ as necesidades e demandas que xurdiron en ambas vilas nos últimos tempos. A máis urxente, a nova sinatura do convenio de uso do varadoiro de Portonovo polo Concello, que se fai necesario formalizar para que este espazo se poida volver adicar a un aparcadoiro público con limitación de 80 prazas este verán e, tal e como explicou o alcalde, "poida acoller tamén eventos e festas".

Neste sentido, Lenguas deu luz verde a volver asinar o convenio, polo que o tema queda agora pendente do visto bo da Cofradía de Pescadores e do Club Náutico.

Na mesma zona, Martín trasladou a Lenguas a necesidade de "reubicar" as catro casetas de tickets para a pasaxe, posto que se atopan "nunha beirarrúa moi concorrida, algo que non é conveniente pola covid-19. Pedimos que se trasladen a outra zona porque xa tivemos protestas o ano pasado", asegurou o alcalde. Pola súa parte, a presidenta de Portos confirmou que o traslado das casetas estará listo, en principio, para este verán, polo que agora os técnicos terán que valorar as posibilidades. "Sanxenxo convértese na terceira cidade de Galicia no verán e estamos xa ás portas", valorou Martín.

A comitiva trasladouse, posteriormente, á rúa Rafael Picó, onde Lenguas puido valorar a petición formulada pola hostelería da zona para a retirada dos setos ornamentais da vía, unha actuación que conta co beneplácito do Concello para "mellorar a estética da zona", xa que iría acompañada dun proxecto de mellora integral da estética das terrazas deste enclave, competencia de Portos. Neste sentido, Lenguas analizará as posibles opcións e dará traslado delas ao Concello, mentres que os hosteleiros traballan nun proxecto conxunto de embelecemento do espazo.

Actuación na Praia dos Barcos e visita á Carabuxeira 


A presidenta de Portos de Galicia, Susana Lenguas, avanzou este luns, tras percorrer a fachada marítima da vila de Sanxenxo, un novo proxecto co que Portos pretende recuperar a rampla centenaria ubicada na baixada á Praia dos Barcos, que suporá a retirada das táboas de madeira que a cobren e a mellora do elemento, co obxectivo de embelecer o espazo.

"Se trata de poner en valor esta rampla y recuperarla, en vez de tenerla tapada con esas maderas. La verdad es que tiene capacidad de mejora", asegurou. Neste sentido, o alcalde, Telmo Martín, aclarou que o proxecto será remitido por Portos ao Concello "próximamente" e deu a súa conformidade á actuación. 

A presidenta de Portos de Galicia tamén aproveitou a visita á vila para supervisar o desenvolvemento dos traballos máis recentes que se están a levar a cabo na Praia da Carabuxeira, onde hai unhas semanas comezou a rexeneración do árido, para o que actualmente se opera cunha draga. Martín destacou o "traballo duro" por parte de Portos para que "isto puidese ser unha realidade" e, neste sentido, Lenguas estimou que as obras do areal "estarán resueltas en un par de meses" e valorou que "avanzan a buen ritmo".

Comentarios