Máis do 37% das emisións de CO2 en Sanxenxo débense ao peso do turismo, segundo un informe

Carmela Silva apela ao traballo "conxunto" e sinerxías entre administracións públicas e sector privado para alcanzar un turismo sostible e intelixente 
 
Sanxenxo, con su irresistible atractivo turístico. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera Praia de Silgar, en Sanxenxo. DP

Un estudo presentado este luns conclúe que máis do 37 por cento das emisións de dióxido de carbono (CO2) no municipio pontevedrés de Sanxenxo débense ao peso do turismo

O presidente da Sociedade Estatal de Xestión da Información e as Tecnoloxías Turísticas, S.A. (Segittur), Enrique Martínez, presentou este luns as conclusións do informe de monitorización de indicadores de turismo en Sanxenxo que sinala como clave para incrementar a sustentabilidade deste sector o sistematizar a medición con datos de consumos, chegada de turistas, ocupación hostaleira e mobilidade dos viaxeiros. 

Este estudo piloto é froito do convenio subscrito no seu día polo Concello de Sanxenxo e Segittur e o luns foron presentadas as súas conclusións nun acto que contou coa participación do alcalde desta localidade, Telmo Martín; o presidente de Segittur, Enrique Martínez; a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro; e a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva

Durante o primeiro ano de funcionamento do sistema de monitorización participaron empresas concesionarias dos servizos municipais. 

Entre as conclusións do informe destaca que máis do 37% das emisións de CO2 en Sanxenxo débense ao peso do turismo, derivado do impacto da mobilidade, o tratamento de augas e residuos. Unha pegada de carbono na que a mobilidade supón o 70%.

O estudo fai tamén referencia ao "compromiso" demostrado por Sanxenxo coa firma do Plan de Acción para a Enerxía Sostible e o Clima (Paces) que marcará a folla de ruta para reducir o CO2 en máis dun 40% en 2030.

COIDADO DAS AUGAS. Telmo Martín sinalou que no Concello teñen "claro que se Sanxenxo quere seguir sendo un destino turístico líder do norte de España só será posible" se se envorcan "na sustentabilidade" e promoven "o uso responsable dos recursos". 

Neste sentido o alcalde estableceu tres alicerces básicos de atención. "O parámetro máis importante é o coidado das augas das dúas rías que nos bañan", pero sen descoidar outros aspectos como son "o tratamento dos residuos coa reciclaxe e a compostaxe, e a creación de plans para impulsar unha mobilidade e un consumo de enerxía máis eficiente", sinalou. 

Telmo Martín: "Se Sanxenxo quere seguir sendo un destino turístico líder só será posible se se envorca na sustentabilidade e promove o uso responsable de recursos"

O sistema, que está accesible para todo o mundo desde a web de turismo de Sanxenxo, convértese nunha ferramenta crave no proceso de toma de decisións e enmárcase dentro do proxecto de Destinos Turísticos Intelixentes. "Ten como obxectivo promover a competitividade e a transformación sostible do sector", segundo explicou o presidente de Segittur, quen subliñou que a análise dos datos é fundamental para ter unha radiografía do destino que axude á mellora da xestión do destino e contribúa a un turismo máis sostible. 

Nava Castro incidiu na importancia de contar con datos que axuden a tomar "as decisións máis acertadas" con sistemas intelixentes que permitan "ter un coñecemento profundo do que ocorre". Pola súa banda, a presidenta da Deputación de Pontevedra defendeu o estudo e o rigor dos datos a través das novas tecnoloxías e a necesidade do traballo "conxunto" e sinerxías entre as administracións públicas e o sector privado para alcanzar un turismo sostible e intelixente. 

Durante o acto participou telemáticamente Dirk Claesser, director de Desenvolvemento Sostible do Turismo da Organización Mundial do Turismo, quen subliñou que tras a pandemia "a sustentabilidade non é unha opción, é un investimento" e confiou en que este proxecto de Sanxenxo inspire outros novos, con novas accións e compromisos. 

Comentarios