En marcha o proxecto de humanización da PO-308 ao seu paso por Portonovo

O Concello acaba de adxudicar a Enxeñería Noroeste a actuación por máis de 67.000 euros
Anteproyecto de la humanización de la PO-308 a su paso por el centro de Portonovo.
photo_camera Anteproyecto de la humanización de la PO-308 a su paso por el centro de Portonovo. CEDIDA

O centro de Sanxenxo terá unha imaxe totalmente renovada e máis segura. E é que o Concello xa puxo a engrenaxe en marcha para acometer a humanización da PO-308 ao seu paso polo centro de Portonovo, unha actuación para a que se prevé un investimento de algo máis de 2,3 millóns de euros.

O Concello acaba de adxudicar a Enxeñería Noroeste o proxecto, que se executará a través dun convenio coa Consellería de Infraestruturas e Mobilidade. A adxudicataria redactará o proxecto nun prazo máximo de 75 días e por un importe de 67.760 euros.

O Goberno dispón xa dun anteproxecto no que se fixan as liñas xerais da actuación e os obxectivos que se perseguen con esta mellora, que a empresa adxudicataria deberá ter como base para realizar a redacción do proxecto.

Segundo explica o Goberno local, a actuación permitirá potenciar, humanizar e dinamizar unha contorna urbana cunha delimitación clara entre a circulación do tráfico peonil e rodado, ampliación de beirarrúas, disposición de zonas de acceso, reordenación de cruces e accesos, disposición de zonas axardinadas, colocación de mobiliario urbano e renovación das instalacións.

A reordenación dos tráficos permitirá un itinerario peonil accesible ao longo de todo o tramo cun ancho entre os dous e os tres metros de beirarrúa. Así mesmo, nas zonas onde sexa posible un ensanche de beirarrúa crearanse áreas de estancia.

Por outra banda, substituirase o aparcadoiro en batería polo de liña deseñando prazas mínimas de 2,5 x 5,50 metros.

Seguridade Viaria. Coa finalidade de mellora a seguridade viaria e permitir a supresión dos xiros á esquerda, o anteproxecto de humanización da PO-308 contempla a creación de dúas glorietas, tal e como explica o Goberno local.

Así mesmo, no anteproxecto proponse unha mediana axardinada que impida invadir o carril do sentido contrario, canalizar o tráfico rodado, evitar o cruzamento de peóns e a implantación dunha sección de carácter máis urbano.

Así, a de maior tamaño, que consta de 27 metros de diámetro, situarase na intersección da PO-308 coa rúa Areal, unha das principais vías de acceso ao núcleo de Portonovo. Contémplase neste cruzamento unha rotonda de un único carril.

Así mesmo, a outra rotonda prevese na intersección entre a rúa A Perla e a das Barreiras.

A principal particularidade que presenta este cruzamento, apunta o Goberno municipal sanxenxino, é a elevada pendente que presenta a zona que obrigará a realizar unha modificación dos ramais que acceden a ela. Para iso, o anteproxecto propón a elevación da rasante na zona máis baixa en ata un metro. O diámetro desta rotonda prevese de 26 metros e tamén terá un único carril.

Comentarios