Mariscadores e comercializadoras suspenden a campaña de Nadal de extracción de vieira

Toman a decisión ante a necesidade de dar saída ao abundante stock de produto conxelado 
 
Vieiras. DP
photo_camera Vieiras. DP

As confrarías de pescadores da ría de Arousa e as empresas comercializadoras de vieira acordaron suspender este ano a campaña de extracción de vieira, que debía comezar estes días. "Iso non significa que neste Nadal non vaia haber vieira nos mercados", tranquilizan desde o sector pero "deberá ser conxelada". 

A decisión veu motivada pola necesidade de dar saída ás abundantes existencias de vieira conxelada co que agora mesmo contan os almacéns frigoríficos das empresas comercializadoras. "Se a campaña de Nadal funciona ben e damos saída a ese stock os barcos sairán a faenar en xaneiro para volver ter vieira almacenada", explica José Luís Souto, xerente de Porto de Cambados, unha das empresas que comercializa este marisco. 

Souto recoñece que sería partidario de manter a campaña de extracción do Nadal, aínda que reducíndoa a un terzo da cota que normalmente se extrae. "Para así poder ofrecer tanto produto fresco como conxelado". 

Finalmente e ante as perspectivas de que as vendas da campaña deste Nadal poidan ser menores que as de anos anteriores, mariscadores e empresas acordaron dar prioridade á saída do stock de produto conxelado co que agora contan. 

O xerente de Porto de Cambados cualifica o ano como "desastroso" para a vieira. Así, recorda que as vendas foron moi escasas durante o verán e practicamente nulas no outono, tras o peche da hostalería. 

"Esperamos que o consumidor confíe na vieira conxelada este Nadal e poder salvar polo menos algo da tempada", indica. Non en balde, as vendas da campaña de Nadal supoñen o 40% da facturación anual das empresas comercializadoras de vieira. 

Comentarios