Martín Códax ensaia o efecto do uso de velas contra as xeadas

Probou este método, utilizado nos viñedos franceses, nas súas parcelas de Monterrei

Viñedo de Martín Códax en Monterrei.DP
photo_camera Viñedo de Martín Códax en Monterrei.DP

As Cooperativa Adegas Martín Códax ensaia nos seus viñedos de Monterrei o efecto do uso das velas contra as xeadas do inverno para intentar subir a temperatura das viñas en condicións climáticas adversas cando a vide se atopa en estado de brotación.

Tomando como referencia as prácticas que levan a cabo nos viñedos franceses, desde Martín Códax, sinala un comunicado, quixeron probar os efectos do aceso controlado de velas no viñedo durante a noite para poder facer fronte a posibles xeadas que poidan producirse na zona na que cultivan o varietal godello coa que elaborar Mara Martín e Mara Moura.

Tras a vendima a vide vai entrando aos poucos nun estado de hibernación que dura todo o inverno e que rompe coa chegada da primavera e a subida das temperaturas.

Durante este período no que se produce a brotación, a planta é máis sensible e as xeadas poden chegar a esnaquizar estes brotes verdes que comezaron a aparecer.
Co obxectivo de coñecer as diferentes posibilidades coas que facer fronte a estes cambios eventuais na climatoloxía (que poden chegar a provocar adiantos na brotación e risco de xeadas tardías) os viticultores realizaron este estudo nunha das súas parcelas de Monterrei, concretamente en Vilardevós.

Con esta proba, puideron comprobar que a temperatura da vide subía tras o aceso das velas, podendo así chegar a mitigar os efectos dun posible xeada.

Pero este non é o único método co que se poden contrarrestar os efectos dunha xeada primaveral no viñedo.

Desde a cooperativa, indican na nota, tamén contemplan outras posibilidades como son os muíños de vento que moven as capas de aire en contacto coas cepas, o emprego de maquinara especializada que emite unha mestura de fume e vapor de auga mentres percorre o viñedo, que crea unha pantalla de fume que fai que o aire se arrefríe mais lentamente elevando a temperatura da planta.

Comentarios