Martín: "A imaxe e o prestixio de Sanxenxo están moi por enriba de calquera festival"

▶ O alcalde limita a relación do Concello co Maestral á cesión da licenza outorgada para a celebración do evento
▶  A oposición critica a colaboración entre o Goberno e a empresa promotora tanto na cesión de publicidade como en limpeza
Telmo Martín (derecha) y el delegado territorial de la Xunta, José Manuel Cores Tourís, ayer en el Puerto Deportivo Juan Carlos de Sanxenxo. D. FREIRE
photo_camera Telmo Martín (dereita) e o delegado territorial da Xunta, José Manuel Cores Tourís, o venres no Porto Deportivo Juan Carlos de Sanxenxo. D. FREIRE

O venres debería terse celebrado o último concerto do Maestral Music Festival, coa actuación de Vanesa Martín. Con todo, o evento cancelouse fai máis dunha semana por motivos "insalvables e alleos á organización", como informaron desde a empresa promotora Get Up Comunicación S.L. Pola súa banda, desde o Concello de Sanxenxo, gran impulsor do festival, afirman que a empresa non comunicara nada ao Goberno local, tal e como afirmou o venres o alcalde, Telmo Martín, aproveitando a visita do delegado territorial, José Manuel Cores Tourís.

"O Concello non se ten que meter niso, é un proxecto empresarial", afirmou o alcalde, que lamenta o fracaso desta iniciativa. Ademais, Martín deixou claro ante a prensa que o Concello de Sanxenxo non ten máis responsabilidade neste tema que a concesión da licenza para que se levase a cabo, coa que foron "moi estritos dende o primeiro minuto".

Ademais, aproveitou para agradecer a Ataquilla o seu labor con respecto á devolución do importe das entradas, e asegurou que segue "o que está a pasar pola prensa". Deste xeito, a pesar de mostrar o seu apoio ata que foi cancelado, desde o Concello de Sanxenxo pretenden aclarar que son alleos totalmente a este "proxecto empresarial que non rematou ben".

O Concello de Sanxenxo sustenta que é alleo ao "proxecto empresarial que non rematou ben"

Destacou tamén Telmo Martín que "a imaxe e o prestixio de Sanxenxo está moi por enriba de calquera festival", en resposta ás acusacións da oposición dicindo que sucesos como este manchan a imaxe do Concello. Ata o momento, por exemplo, os provedores non cobraron, aínda que o alcalde "espera" que finalmente se lles pague o que lle deben.

CRÍTICAS DA OPOSICIÓN. Desde un dos partidos da oposición, o BNG, piden claridade e explicacións ao Concello por varios motivos.

Por unha banda, pola cesión de marquesiñas e mupis para publicitar o evento, pois, afirman desde o Bloque, que non hai constancia de contraprestación económica para as arcas públicas.

Así mesmo, informaron desde o BNG, que había empregados municipais limpando e acondicionando a zona que se destinou ao festival, cando estes labores corresponden á empresa organizadora ou aos donos das parcelas.

"Por parte do alcalde parécenos unha irresponsabilidade, pois está a manchar o nome do noso Concello", manifestou a portavoz do BNG de Sanxenxo, Sandra Fernández. En resumo, desde o partido aseguran que existiu unha colaboración activa entre o Goberno local e a empresa promotora, en contraposición á versión que ofrecen desde o Concello.

FEIRANTES. Tanto o BNG como o PSOE de Sanxenxo denunciaron que os feirantes que montarán as atraccións na Praza do Mar instalaron as súas caravanas no polígono de Nantes e engancháronse á recollida de augas pluviais para verter augas grises e á luz, situación permitida polo Concello.

Ante estas acusacións, o alcalde desmarcouse asegurando que "cando estamos en festas algúns perden a cabeza", e aproveitou para recordar ante a prensa a celebración das festas e a sardiñada do domingo.

Comentarios