Meis e Meaño recuperarán o servizo de Pediatría

Ambos concellos disporán a próxima semana dun novo profesional
Exterior de un centro de salud del área sanitaria de O Salnés. JOSÉ LUIZ OUBIÑA (ADP)
photo_camera Exterior de un centro de salud del área sanitaria de O Salnés. JOSÉ LUIZ OUBIÑA (ADP)

Meis e Meaño recuperarán o servizo de Pedriatría que non se presta desde outubro. Así, a Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés normalizará a cobertura infantil ordinaria de Atención Primaria nestes dous concellos a partires do vindeiro mércores 4 de decembro, incorporando un novo facultativo que se fará cargo da atención pediátrica de ambas localidades.

Segundo informou o Servizo Galego de Saúde, dita incorporación, que prestará servizo de luns a venres durante media xornada nos consultorios de Dena e Mosteiro, "permite recuperar a situación previa á existente antes da resolución do concurso aberto e permanente do pasado mes de outubro".

Cómpre lembrar que a atención infantil nos concellos de Meis e Meaño víñase prestando por unha pediatra que deixou vacante a praza, pois no concurso aberto e permanente do Sergas que se resolveu no pasado mes de outubro esta profesional optou e se lle adxudicou outra praza.

Ante esa situación, o Servizo Galego de Saúde "non puido dispoñer doutro profesional que prestara servizo de Pediatría de Atención Primaria nestes concellos, polo que a atención infantil estaba a realizarse provisionalmente desde outros centros de saúde da comarca".

O Sergas incidiu este martes a que a falta de facultativos en Pediatría débese á escaseza de profesionais. "A Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés lembra que nesta especialidade hai paro cero, de xeito que non se dispón de pediatras nas listas de contratación". Por este motivo, "esta indispoñibilidade de pediatras para incorporar ao sistema foi a que dificultou a cobertura da praza de Pediatría destes concellos".

"Non obstante, a Xerencia da Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés, seguiu traballando e adoptando as medidas necesarias", insiste o Sergas.

Comentarios