Un mural na Lanzada para non caer na indiferenza

Douscentos cativos dos campamentos da Lanzada asisten á creación dunha obra de Paula Fraile dentro do programa Mulleres en Acción. Violencia Zero

O mural loce nunha das paredes das pistas do Centro Vacacional. DP
photo_camera O mural loce nunha das paredes das pistas do Centro Vacacional. DP

Un recuncho para non caer na indiferenza. Iso é, dende o luns, unha das paredes das pistas deportivas do Centro Vacacional da Lanzada, onde a artista Paula Fraile pintou un gran mural titulado Indiferenza. Fíxoo para os 200 cativos que participan estes días na cuarta quenda dos campamentos de verán Depo Aventura A Lanzada e dentro da programación Mulleres en Acción. Violencia Zero, impulsada pola Deputación.

A do luns foi a décimo sexta intervención artística do citado programa e tivo como espectadores a nenos e nenas de entre oito e 13 anos, que interactuaron coa autora e aos que a presidenta do Goberno provincial, Carmela Silva, animou a implicarse activamente na loita contra a violencia machista. "As crianzas teñen que vir con nós neste camiño. Véxovos a todos e todas vós e creo que vai cambiar todo porque nun futuro seredes persoas formadas que viviredes nunha sociedade máis avanzada e que entenderedes que a igualdade nos fai máis felices", argumentou.

A través do seu graffiti, Fraile deixou patente a súa denuncia da situación de violencia de xénero que aínda hoxe persiste na sociedade e reflictiu os momentos de violencia machista que ela viviu en primera persoa. Empregando cores que transmiten esperanza, a artista explicou o significado da súa obra e respondeu ás numerosas preguntas que lle formularon os cativos.

Pola súa parte, Silva fixo mención as 27 mulleres asasinadas por criminais machistas no que vai de ano. "Isto é insoportable", apuntou a presidenta, quen tamén sinalou que os últimos datos indican que en Galicia os casos deste tipo de violencia aumentaron un 17%. Ademais, destacou a "enorme capacidade da arte para cambiar as conciencias" e apostou por "darlle visibilidade ás mulleres da cultura para que plasmen" a través das súas creacións "o rexeitamento fronte ás violencias que sofren as mulleres".

O programa provincial Mulleres en Acción. Violencia Zero reúne traballos de 25 artistas especializadas en ámbitos coma a pintura, a música, a danza, o teatro, a poesía ou o graffiti, vencelladas todas elas pola vontade de facer na súa obra un firme discurso en favor da igualdade de xénero, segundo sinala o Goberno provincial.

Comentarios