Unha vintena de músicas piden "conciencia" nun proxecto audiovisual caseiro

A vocalista vilagarciá Patty Castro une forzas con outras 18 mulleres galegas vencelladas á música 
2020060719080874440
photo_camera Catro das integrantes do proxecto cantando durante o videoclip. DP

"Aínda que estemos en desescalada isto vai ser parte da nosa vida. Está moi ben poder ir á praia, pero hai moitas cousas que vai haber que muda". Con estas palabras a vocalista vilagarciá Patty Castro fala da razón pola que acaba de ver a luz Conciénciate xa!, un proxecto audiovisual caseiro que reúne a 19 mulleres músicas de toda a xeografía galega pedindo "sensatez" para "vencer" á pandemia.

A saúde colectiva e a crise económica son, segundo a artista, os motivos polos que, máis que nunca, hai que ser responsables. "Son malos momentos para o sector cultural. Oxalá isto nos abra os ollos do necesario que é poñer uns límites e coidar aos artistas. Non dubido que todo isto fará que moitos grupos musicais desaparezan", explica. E, por iso, ao berro de "conciénciate xa!", dende Vilagarcía, Pontevedra, Redondela, Vigo, A Coruña, Touro, Ames, Bertamiráns, Ourense, A Mariña luguesa e Santiago de Compostela, varias integrantes do colectivo Mulleres Galegas Kañeras (MGK), así como outras colaboradoras e novas incorporacións, cantan á reflexión, ao respeto e ao agradecemento, coa esperanza de que "pronto volverán os concertos".

O vídeo, que xa se pode visualizar na canle oficial de Youtube de MGK, é unha versión dun tema editado polas músicas en 2015, a pouco de formarse o colectivo e conta, ademais, coa participación de familiares das protagonistas, entre fillas, parellas e irmás. Foi gravado por partes, "cada unha co seu teléfono", tanto o son como a imaxe, e montado nos últimos días pola impulsora do proxecto que, asegura,"estiven apoiada por varias das colaboradoras". Para ela, a experiencia foi "un xeito de poder facer algo xuntas de novo", un proxecto entre o confinamento e a desescalada que combinou coa súa participación no programa de radio A xente de Teo, no que realizou máis de 50 entrevistas case diarias a mulleres do mundo da música en todo este tempo. "A raíz disto volvín comunicarme máis coas mulleres do colectivo e, falando con unha delas, Sara, foi como xurdiu o do vídeo", que foi adaptando a súa letra dende a idea orixinal ata a actual realidade da desescalada, ata transformarse nun canto á concienciación.

PARA O FUTURO. O impulso dende Vilagarcía cara as músicas da xeografía galega non se detén. Patty Castro continúa a traballar no seu vindeiro grande proxecto, unha base de datos sobre músicas galegas que, previsiblemente, estará online o vindeiro ano 2021, e que consistirá nun buscador web a través do cal se poderá atopar información sobre músicas segundo parámetros como xeografía, instrumento, ou estilo musical. "Vai dirixido tanto para a xente que esté formando un grupo e precise músicas, como para as organizacións de eventos e festivais que requiran grupos musicais con presenza feminina", explica Castro. "É unha ferramenta moi visibilizadora, e en aberto", apunta.

Pero recopilar estes datos, que non só terán que ver coa músicas en activo, senon que tamén recopilarán un pouco de historia da música feminina galega, conleva unha importante "labor de investigación", para a que a artista tamén conta coa colaboración da mestra de Tareixa Casal, así como coa dos alumnos de Marketing do Centro Integrado de Formación Profesional Carlos Oroza de Pontevedra, que están a practicar a través dela. "Esta ferramenta é para calquera que a precise, e para visibilizar que entre as mulleres músicas si hai calidade".

Comentarios