O Náutico de San Vicente e Pepe Solla alíanse para maridar música e gastronomía

A partir do venres o local da praia da Barrosa contará cunha zona gastro desde a que Solla ofrecerá algúns dos pratos da carta do seu restaurante compostelán La Radio

O Náutico de San Vicente e o cociñeiro Pepe Solla, cunha estrela Michelín, crearon unha alianza para maridar a oferta musical do local da Barrosa coa oferta gastronómica de La Radio, o restaurante de Pepe Solla en Santiago.

O Náutico contará desde este venres cunha zona gastro desde a que o cociñeiro ofrecerá algúns dos pratos máis emblemáticos e estivais do seu restaurante compostelán. "A idea é crear un corner, a modo dunha terminal de La Radio, para que a xente que veña aos concertos ou á praia, poida petiscar algo de xeito informal", explica Solla.

Cociñeiros invitados

Pepe Solla será o cociñeiro residente da zona gastro do Náutico pero ocasionalmente invitarase a outros cociñeiros, tanto locais como foráneos, para que elaboraren un ou dous pratos de autor que ese día se sumarán á carta.

Ademais, a zona gastro funcionará en modo de servizo delivery. O público deberá coller alí os seus pratos e levalos despois á mesa na que estean situados ou incluso á praia. Todos os servizos que se utilicen serán desbotables pero sostibles, xa que serán de material 100% compostable.

Durante os meses de xullo e de setembro, o servizo gastro do Náutico estará dispoñible os venres noite, sábados e domingos, mediodía e noite. Durante o mes de agosto, funcionará todos os días en horario de mediodía e noite.

Comentarios