"Non comecei a vivir ata os 40"

Para a sanxenxina Olivia Escudero a idade non foi un impedimento para comezar de cero. Despois dunha vida adicada ao fogar, á beira dos 50 e con problemas de saúde, cursou a Eso e o ciclo medio de Cociña e vén de triunfar no ciclo superior
Olivia Escudero culminou o ciclo superior de Cociña no CIFP Carlos Oroza aos 53 anos. GONZALO GARCÍA
photo_camera Olivia Escudero culminou o ciclo superior de Cociña no CIFP Carlos Oroza aos 53 anos. GONZALO GARCÍA

"Despois de 34 anos sen ir ao colexio é moi complicado volver, a educación cambiou moito. Tes que facer cousas das que xa non te lembras", confesa a veciña de Bordóns (Sanxenxo) Olivia Escudero Portela. Pero tamén é verdade que, para ela, aos seus 53 anos, "a idade non é un impedimento" para lograr todo o que se lle poña por diante. "Por que non o vou facer se teño ganas? Se non puiden antes, vouno facer agora", di. Con esta filosofía, cumpridos os 40, e despois de toda unha vida adicada ao coidado dos pais e das fillas, a idea de retomar os estudos foi medrando pouco a pouco na súa cabeza.

Para moitas das mulleres da súa idade, o destino marcouno a educación machista daqueles anos. "O de quedarme na casa foi case unha imposición. Eu quería estudar e non me deixaron", afirma. Coidar dos pais, xa maiores, e logo das fillas "por decisión propia, porque non me quería perder nada da súa infancia", marcou o rumbo da súa vida. Non foi ata o falecemento dos proxenitores cando comezou a saír. "Era o costume daquela época que o pequeno quedara na casa. Os meus pais eran moi maiores e enfermos e precisaban coidados. Non me arrepinto do que fixen, pero non comecei a vivir ata os 40", asegura. "Non querería iso para as miñas fillas".

Durante a xuventude adicárase á costura. "Miña nai dicíame que ou ía de perruqueira, ou á costura", di, aínda que, confesa, "agora tamén é unha das miñas paixóns. Eu tiña o antigo bacharelato, ata 8º. Cando decidín matricularme na escola de hostelería dixéronme que necesitaba a Eso".

Sen dubidalo, con 48 anos sacou a Ensinanza Secundaria Obrigatoria e aos 49 matriculouse no ciclo medio de Cociña no Centro Integrado de Formación Profesional Carlos Oroza de Pontevedra. Foi entón cando lle diagnosticaron fibromialxia, un trastorno que conleva síntomas como a fatiga ou problemas de memoria, e que se lle sumaba á artritis que xa padecía en pés e mans. Aínda así nada puido parala. "No primeiro ciclo saquei moi boas notas. Fun a que tiña as calificacións máis altas de todas as persoas que nos presentamos para facer prácticas no estranxeiro". Como non podía ser doutro xeito, foi unha das seleccionadas para traballar durante dous meses e medio nun resort da illa de Malta. "Alá fun. Non tivera opcións de viaxar, pola vida que tiven, e xunto con outras compañeiras aproveitamos para visitar máis lugares. Aínda houbo quen me dixo que cómo marchaba así, tanto tempo. E eu lembreilles que non me ía para sempre e que a familia tiña comida no conxelador", bromea.

Animada por algún dos mestres do Carlos Oroza e polo seu marido, decidiuse a sacar o ciclo superior, que vén de finalizar, a falta das prácticas que cursará en Lugo despois do verán. "Aconselláronmo porque á miña idade traballar nunha cociña é duro. Aquí aprendín a xestionala", explica. Agora, as súas preferencias profesionais inclínanse polo sector de catas de alimentos e o mundo da investigación e do I+D. Tamén se plantexa cursar o máster de mestrado e, dende logo, mirar atrás non é unha opción. "Cando comezo algo, remátoo. Eu son así", afirma, coa vida por diante.

Comentarios