A nova beirarrúa de Progreso causa danos nos locais ao estar "un palmo máis alta"

O desnivel nun tramo da rúa pon en perigo a licenza dunha autoescola, que xa non cumpre a normativa para discapacitados

"Un palmo máis alta" é a medida que pon algúns dos comerciantes da rúa Progreso ao desnivel da nova beirarrúa, resultado das obras de humanización, con respecto aos locais comerciais que rexentan.

Este desnivel é, segundo os propietarios, o causante de que a auga entre nos seus comercios "cada vez que chove", causando a deterioración progresiva das instalacións. Así o explica Olaya Sartages, propietaria de Versus, unha tenda de roupa situada no número 60 de Progreso. "A tenda está máis baixa que a beirarrúa. Hai unha reixa, pero non é suficiente para filtrar todo a auga e, a pouco que chove, vai parar ao interior da tenda", conta.

Sartages interpuxo unha denuncia no mes de outubro e contactou co Concello para solicitar unha solución ao seu problema que, asegura "aínda non viñeron nin a comprobar". A responsable de Versus asegura que o problema do desnivel da beirarrúa esténdese "desde o número 64 da rúa, nas inmediacións da tenda Mahonia, ata o 40, na autoescola Onza", aínda que o seu establecemento é o máis afectado. "Logo de todo o que choveu, e como non está ben selado, teño humidades na tenda e verdín no escaparate, que é unha vergoña", di.

Para a propietaria da autoescola Onza, Mariló Rioseco, o problema é por dobre partida. O pasado xoves, 9 de xaneiro, unha inspección advertiu que "a nosa licenza xa non vale. Non cumpre coa normativa para discapacitados ao ter un desnivel na porta". Con todo, asegura que o Concello xa tomou cartas no asunto e que se comprometeu a cambiar "a porta de sitio". "Vánnolo solucionar. Se non, afúndennos", di.

Comentarios