Incautados 5 quilos de heroína na operación antidroga coordinada desde Cambados

A investigación que levou á detención de 11 persoas iniciouse hai máis dun ano e continúa aberta

photo_camera Unha operación conxunta desenvolvida por Policía Nacional e Garda Civil permitiu a incautación dun alixo de máis de 5 quilos de heroína nunha furgoneta, interceptada en Ferrol, e a detención de 11 persoas.

O operativo antidroga desenvolvido conxuntamente por Policía Nacional e Garda Civil en varias localidades de Galicia, no marco do cal foron detidas 11 persoas esta semana, saldouse tamén coa incautación duns 5 quilos de heroína

Segundo informaron fontes policiais, a investigación iniciouse hai máis dun ano e culminou coa desarticulación dun grupo criminal asentado en Galicia e presuntamente dedicado á introdución de heroína e cocaína a través da comunidade. 

As pescudas policiais, coordinadas polo xulgado de instrución número 1 de Cambados, levaron a interceptar unha furgoneta en Ferrol con catro quilos de heroína. O condutor do vehículo, que procedía do domicilio doutro dos investigados, en Sanxenxo, foi detido e xa ingresou en prisión. 

Tamén se interveu outro quilo de heroína no domicilio doutro dos implicados, un avogado vigués con antecedentes de narcotráfico que, precisamente, estaba pendente de ingreso en prisión por un alixo de 60 quilos de heroína localizados nunha nave de Caldas de Reis e que foi condenado pola Audiencia Provincial de Pontevedra. 

Máis información: Prisión provisional para 5 dos detidos na redada antidroga

En total, o operativo saldouse coa detención de 11 persoas —unha das cales quedou libre en sede policial— e 13 rexistros en diferentes puntos de Pontevedra e A Coruña, nos que se interviñeron os cinco quilos de heroína, 300 gramos de cocaína, diñeiro, vehículos, teléfonos móbiles e diversa documentación. Así, houbo rexistros en Cambados, Sanxenxo, A Illa de Arousa, O Porriño, Oia, Vigo, A Cañiza e Ferrol.

O xulgado de instrución número 1 de Cambados, polo que pasaron dez dos detidos este xoves, acordou o ingreso en prisión de cinco deles —nun dos casos eludible con fianza de 8.000 euros— e a liberdade dos outros cinco. Todos eles están investigados por un suposto delito contra a saúde pública e por pertenza a organización criminal. 

As pescudas seguen abertas e non se descartan novos arrestos