O peche en Vilagarcía reduce o número de beneficiarios de Amigos de Galicia

A Fundación vese obrigada a prescindir da nave onde almacenaba os alimentos
Almacén de Amigos de Galicia. F. S.
photo_camera Almacén de Amigos de Galicia. F. S.

Logo de 25 anos de actividade solidaria, a Fundación Amigos de Galicia vese obrigada areformularse o seu sistema de traballo e "moita xente vai quedar descolgada", advertiu este luns o director xeral de Amigos, Jesús Busto, quen afirmou que é "probable" que miles de familias deixen de recibir os alimentos que distribuía este colectivo. O motivo é que a Consellería de Sanidade comunicou a prohibición de manipular produtos frescos "por non contar as instalacións coas condicións hixiénicas oportunas".

Amigos de Galicia non deixará a repartición de alimentos, pero só produtos non perecedoiros, cada tres meses e, no caso dos perecedoiros, terá que recorrer a terceiros. Tamén deixará de recoller os donativos de empresas e particulares e limitarase a comprar a carne, os ovos ou os legumes aos seus provedores. A fórmula que está a estudar pasa por implantar unhas cartóns de crédito válidas en establecementos de alimentación para que os beneficiarios compren eles a comida.

Con este modelo reducirase o número de beneficiarios ao desaparecer o sistema de  entrega directa a través dos seus almacéns. Amigos de Galicia non pode constatar en números a repercusión da medida, pero do que non cabe a menor dúbida é de que o balance deste exercicio será moi diferente ao do anterior, no que 37.456 persoas foron atendidas, das cales 13.480 eran menores. Ese ano distribuíronse un millón de quilos de alimentos.

As instalacións non cumpren as esixencias que establece a Consellería de Sanidade en materia de hixiene

Esta situación vén provocada polo resultado da inspección que Sanidade realizou o pasado día 21 nos seus almacéns de Vilagarcía, a instancias dunha investigación da Fiscalía da Coruña e como consecuencia "dunha denuncia presentada por dúas persoas que se atopaban realizando traballos en beneficio da comunidade", precisa a Fundación.

"Queremos deixar constancia de que nunca se entregaron nin se entregan produtos caducados", di o comunicado lido este luns por Busto. "Recibimos grandes cantidades de alimentos doados por empresas cunha data de consumo preferente curta —especialmente leite e iogures— e a entidade sempre informou aos usuarios, sendo a súa vontade recollelo ou non", subliñou.

Tamén recorda que "a entidade traballou sempre en colaboración cos concellos" e todos os produtos eran revisados e supervisados polo persoal de servizos sociais, sendo estes quen entregaban os produtos. "A Fundación Amigos de Galicia sempre actuou e actúa de boa fe", afirmou antes de sinalar que no cuarto de século da traxectoria que acredita o seu programa "nunca tivemos ningún problema de intoxicacións".

"De igual xeito, somos conscientes que a nave non reúne as condicións adecuadas e, ao tratarse dunha nave aberta, hai feces de roedores", recoñece o colectivo no seu comunicado, ademais de asumir que non podían etiquetar os produtos recibidos dos concursos de pesca, do que non tiñan constancia.

Comentarios