O peirao de Portonovo será obxecto dunha "profunda reflexión" cun concurso de ideas

Portos de Galicia e o Concello de Sanxenxo asinaron este luns o convenio para a convocatoria ►As condicións contemplan o atraque de embarcacións menores, pero dando cabida ás históricas
A sinatura do convenio, este luns en Santiago de Compostela. CEDIDA
photo_camera A sinatura do convenio, este luns en Santiago de Compostela. CEDIDA
Unha "profunda reflexión que permita remodelar, reordenar e definir un mellor aproveitamento do solo" na zona de servizo do porto de Portonovo e a súa contorna inmediata, que é de titularidade municipal, é o obxectivo do convenio asinado este luns en Santiago de Compostela entre Portos de Galicia e o Concello de Sanxenxo, polo que se convoca un concurso de ideas a nivel de anteproxecto para equipos multidisciplinares de arquitectos e enxeñeiros de camiños con competencia en materia de ordenación, construción e deseño portuario, ordenamento urbanístico, medio ambiente e deseño de edificacións.

Neste sentido, o Colexio de Enxeñeiros de Camiños, Canais e Portos e o Colexio de Arquitectos de Galicia forman parte tamén do acordo, a cuxa sinatura asistiron a presidenta de Portos de Galicia, Susana Lenguas, o alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín, o decano do Colexio de Enxeñeiros, Enrique Urcola, e a decana do Colexio de Arquitectos, Elena Ampudia, e que recolle unha proposta de premios por importe de 25.000 euros no caso do primeiro, 10.000 euros para o segundo e 5.000 euros para o terceiro. Estas cantidades asumiranas Portos de Galicia e o Concello de Sanxenxo ao 50% como principais impulsores da proposta.

NOVIDADES. A remodelación do peirao de Portonovo suporá, segundo as características contempladas para o concurso de ideas, unha notable melloría en canto á usabilidade de espazos, posto que unha das directrices pasa pola atención ao atraque de embarcacións menores, dando cabida tamén ás históricas, así como a necesidade de dar unha boa solución de acceso á zona portuaria "sen restriccións, pero sen interferir nos outros usos".

Por outra banda, o mantemento das catro actividades portuarias (pesca, pasaxe e náutica deportiva, xunto á zona de varada e reparación de embarcacións) será unha condición indispensable para o proxecto que resulte gañador do concurso, e que consiga reformar por completo e integrar de xeito eficiente e efectivo as diferentes realidades dun espazo clave na vila.

Unha das novidades que contempla o convenio para o concurso é a posibilidade de traslado do foxo debido á súa ubicación, posto que se atopa lindando co paseo marítimo, cunha variación da necesidade de solo de varada en tempada alta ou baixa. Neste sentido, a posibilidade de traslado deberá ser estudada nas propostas que se presenten ao concurso, e que tamén deberán ter en conta a análise e mellora das necesidades de cada un dos sectores, poñendo especial atención, tal e como indicaron dende o ente autonómico, precisamente á pasaxe e á reparación naval.

Por conseguinte, e tratándose dunha zona con actividades de diferente natureza, a proposta deberá garantir a seguridade das operacións portuarias, evitando acceso ás zonas que entrañen risco, como espaldóns ou zonas de traballo, e limitar a construción de infraestruturas marítimas do tipo de ampliación de diques, xa que a súa viabilidade, segundo indicaron dende Portos, pode ser "cuestionable" e "dificulta a tramitación".

Comentarios